cannabismo

cannabismo

(< lat Cannabis, xénero deplantas + -ismo)

s m [PAT]

Estado producido polo feito de fumar ou inxerir resinas contidas en flores e follas do cánabo, chamadas comunmente haxix ou marihuana, que teñen como un dos principios activos máis importantes o delta-9-tetrahidrocannabinol. Segundo a dose e o estado psíquico do suxeito pódense dar situacións de euforia, alucinacións pracenteiras a miúdo eróticas, sensación da prolongación do tempo, percepción de embriaguez e tamén estados de confusión e ansiedade e, mesmo, delirios e exacerbacións de enfermidades mentais preexistentes como a esquizofrenia. Pódese alterar a coordinación psicomotriz e verse afectada a condución de vehículos e o manexo de máquinas; a memoria diminúe e a aprendizaxe retárdase. Ademais, hai posibilidade de alteracións vexetativas como hipotensión, hipotermia, bradicardia e depresión respiratoria. A intoxicación crónica pode asociarse a cambios de conduta e ocasionar situacións extremas de falta de motivación e apatía. Pode crear dependencia física e, en mulleres embarazadas, trastornos do desenvolvemento fetal.

Palabras veciñas

cannabinol | cannabiose | Cannabis | cannabismo | cannáceo -a | Cannan, Edwin | Cannas, Batalla de