1 cano

1 cano

(< 1 cana)

  1. s m

    Conduto de forma tubular destinado ao transporte de fluídos e, eventualmente, de materias granulares e pulverulentas. Os materiais empregados na fabricación son moi variados: chumbo, aceiro, ferro coado, cobre, aluminio, aliaxes metálicas, formigón, materiais cerámicos, caucho, materiais plásticos, etc. Os canos están formados por tubos e pezas accesorias, como cóbados, derivacións en forma de T, de cruz, etc, unidas aos primeiros mediante roscas ou soldaduras. A sección depende basicamente do caudal que debe transportar, e o grosor das paredes, dos esforzos que debe soportar para un material e un diámetro determinado.

    Ex: Cambiaron os canos de ferro oxidados por uns de aluminio.

  2. s m

    Canle artificial, estreita e pouco profunda, pola que corren líquidos.

    Ex: Non puido regar as leiras porque os canos non levaban auga.

  3. s m

    Condución de sección circular ou cadrada dunha cheminea que conduce os fumes da cociña, da lareira ou da caldeira, ao exterior do edificio por riba do tellado.

    Ex: Só lle quedaba colocar os canos á cociña para poder utilizala.

  4. s m

    Conduto oco de forma cilíndrica e alongada utilizado para a condución de líquidos ou gases.

  5. s m [BOT]

    Talo das plantas, especialmente das herbáceas.

    Sinónimos: cadolo, canelo, canoto. Confrontacións: coeiro.
  6. s m [ORNIT]

    Parte basal da pluma das aves que se caracteriza por ser baleira, transparente, sen barbas e que vai inserida no corpo do animal.

  7. cano da gorxa [ANAT]

    larinxe.

  8. cano dos ouriños [ANAT]

    Conduto por onde saen os ouriños.