canón

canón

(< 1 cano)

    1. s m

      Obxecto oco de forma cilíndrica e alongada.

    2. s m [BÉL]

      Tubo por onde sae o proxectil lanzado por unha arma de fogo.

      Ex: Disparoulle cunha escopeta de dous canóns.

    3. s m [BÉL]

      Peza de artillería de tubo relativamente longo respecto ao calibre, capaz de lanzar proxectís a gran distancia. Consta esencialmente do tubo ou boca de fogo, onde se pon o proxectil e a carga explosiva, chamado tamén canón, que é o soporte que lanza o proxectil; dunha montura ou elemento de transporte e ancoraxe no terreo; duns órganos de puntería e, eventualmente, dun órgano elástico entre o tubo e a montura capaz de absorber a enerxía do retroceso. Diferénciase do obús e do morteiro pola traxectoria do tiro, que é moito máis elevada no morteiro, intermedia no obús e baixa no canón. O canón está determinado pola relación entre o calibre e a lonxitude. Canto maior é o calibre, maior é a precisión, a velocidade inicial e o alcance. Na súa construción emprégase o aceiro e o níquel. A montura é o soporte da boca de fogo; debe ser resistente, estable, móbil e cun gran sector de tiro, tanto horizontal como vertical. Estas características adáptanse ás necesidades tácticas do canón: a artillería de campaña fai funcionar a carreta, montura provista de rodas, o candeeiro, e os canóns fixos, a plataforma. Os órganos de puntería están formados polos mecanismos e aparellos de dirección ou elevación. Estes mecanismos proporcionan o movemento da boca de fogo mediante un parafuso movido por unha manivela. Os aparellos indican o ángulo de dirección, mediante lentes de aumento, goniómetros, etc, e o ángulo de elevación mediante escuadras de nivel, clinómetros e aclímetros. Os sistemas de puntería dos canóns máis modernos baséanse na utilización do láser, da televisión e dos ordenadores. A finais do s XIV comezou a empregarse a palabra canón para designar unha peza coa boca de fogo formada por tubos de ferro soldados entre eles e reforzados por aros; a montura era simplemente unha peza de madeira cun empalme para colocar nel o tubo e con pouca precisión. Durante o s XV as palabras canón e bombarda confundíronse e pasaron a designar a peza composta de dúas partes interdependentes chamadas cana e cámara. Despois construíronse os canóns dunha soa peza, na que tanto a pólvora coma os proxectís se introducían pola boca e un conduto chamado fogón transmitía o fogo á pólvora. Entre os tipos existentes había o canón propiamente dito, que pesaba 50 quintais e servía para bater, a colubrona, que pesaba 45 quintais e servía como peza de posición, e o falconete, de 12 quintais, que servía para a artillería de campaña. A tipoloxía diversificouse progresivamente. Paralelamente, a montura tamén se transformou; primeiro colocábase un dispositivo que permitía inclinar o canón; posteriormente se lle engadiron rodas para facilitar o transporte. As ordenanzas de 1718 na monarquía hispánica reduciron o número de calibres a cinco, o que puxo fin á desorde existente na fabricación e na medida dos canóns. A partir de Gustavo Adolfo de Suecia, os canóns fixéronse máis curtos e máis lixeiros (canóns á sueca). En 1847 a casa Krupp construíu o primeiro canón de aceiro; a montura metálica, máis resistente e máis lixeira, substituíu totalmente á de madeira. Foi, sen embargo, durante a Primeira Guerra Mundial cando se perfeccionou extraordinariamente: aumentou a lonxitude do tubo (ata 36 calibres) e a velocidade inicial e, como consecuencia, o seu alcance. Apareceron os supercalibres (Gran Bertha) e a artillería especializouse: canóns de 30 e 40 mm antitanques, canóns de costa, canóns sobre vía férrea, etc. Durante o desenvolvemento da aviación e dos tanques parecía que a artillería tería pouca participación; a pesar de todo, melloráronse os canóns antiaéreos, antitanques e de campaña. Coa aparición dos mísiles e a evolución da aviación, boa parte dos canóns (como os antiaéreos, os de costa ou os de campaña) volvéronse obsoletos.

    4. canón bombeador [BÉL]

      Canón curto de gran calibre que lanzaba granadas, usado nos barcos desde finais do s XVIII substituíu os morteiros, pois era máis preciso e podía bater o casco dos barcos inimigos co seu tiro rasante. Desapareceu coa introdución dos canóns estriados.

  1. [XEOG]
    1. s m

      Paso profundo e estreito entre montañas, xeralmente formado por un río que discorre polo fondo.

      Ex: Fomos a Cadeiras a ver o canón do Sil.

    2. canón submarino

      Entallamento fondo na plataforma e no talude continentais, que forma un val submarino estreito, de paredes escarpadas, que descende cara ás chairas abisais. Crese que a súa orixe está estreitamente relacionada coa acción erosiva das correntes mariñas do fondo oceánico.

  2. canón de electróns [FÍS]

    Dispositivo formado por un conxunto de electrodos destinado a producir e concentrar un feixe de electróns. Emprégase en tubos de raios catódicos, iconoscopios, microscopios electrónicos e aceleradores lineais.

Formas incorrectas

cañón