Cantabria
Comunidad Autónoma de España constituída pola provincia homónima, que se corresponde coa antiga rexión castelá denominada La Montaña (5.289 km2; 527.437 h [1996]). Esténdese entre os 42° 40’ de latitude N no seu punto máis meridional e os 43° 32’ no máis setentrional (Cabo de Ajo). Situada no centro da fachada atlántica setentrional da Península Ibérica, limita ao O con Asturias, ao S con Castela e León e ao L con Euskadi. Dividida en 102 municipios, a súa capital é Santander.
Xeografía física
O territorio de Cantabria aséntase sobre estruturas do Mesozoico, formadas sobre todo por calcarias cretáceas intensamente pregadas que deron como resultado unha paisaxe morfolóxica esencialmente montañosa. Dentro da complexidade do relevo, de dirección latitudinal, cómpre distinguir tres grandes unidades: a plataforma litoral (rasa cantábrica), que orixinou unha costa moi recortada con numerosas rías e portos naturais, onde se concentra a maioría da poboación; as montañas do interior, que están formadas pola Cordilleira Cantábrica, que parte Cantabria latitudinalmente en dirección leste-oeste. Na cordilleira, nos límites entre Asturias e León, destacan a fosa de Liébana e os Picos de Europa, que culminan en Peña Vieja, a 2.613 m de altitude; finalmente, a zona do alto Ebro, formada por amplos vales, anuncia o relevo da Meseta. O clima é oceánico, suave dende o punto de vista térmico (13°C de temperatura media anual na costa) e húmido dende o pluviométrico (máis de 1.000 mm de precipitación media anual). A rede fluvial articúlase ao redor dos ríos que baixan da Cordilleira Cantábrica, curtos e caudalosos. Os principais son o Deva, o Pas, o Nansa, o Saja e o Besaya. Tamén cómpre mencionar que o Ebro nace en Fontibre, no termo municipal de Hermandad de Campo de Suso, no SL da comunidade cántabra. A fauna e flora cántabra presenta as mesmas especies que caracterizan o conxunto da Cordilleira Cantábrica. Na costa destacan as marismas de Santoña que constitúen a principal zona húmida do norte da Península Ibérica.
Xeografía económica
A gandería, a agricultura e a pesca, os sectores sobre os que tradicionalmente se baseaba a economía cántabra, ocupaban a mediados da década de 1990 tan só o 10% da poboación activa e achegaban entre o 4% e o 5% do PIB da comunidade cántabra. O sector primario cántabro está moi polarizado ao redor da gandería e, concretamente, na cría de bovinos de orientación leiteira. Dende a administración autonómica prestóuselle especial apoio ao desenvolvemento deste sector, favoreceuse a selección de especies e a introdución de novas técnicas, e promoveuse a creación de centros de inseminación, organización de feiras, etc. Este contexto permite entender a escaseza de terras cultivadas (só o 3,6% do total do territorio), e as grandes extensións de pastos (96% da superficie agraria útil). Por outra banda, as terras labradías destínanse basicamente á produción de alimentos para o gando. As explotacións forestais tamén son unha importante fonte de riqueza. A pesar das potencialidades do territorio, o número de persoas dedicadas a este sector diminuíu drasticamente debido ao éxodo rural, á tendencia á terciarización e ás difíciles condicións de subsistencia do gandeiro, como consecuencia da aplicación de cotas á produción por parte da Unión Europea. A pesca, a diferenza do que ocorre nas outras comunidades do Cantábrico, é fundamentalmente de baixura e está en regresión. Actualmente, o sector secundario e o terciario representan as principais fontes de ingresos. A industria, malia o retroceso provocado pola reconversión dos anos oitenta, ocupa aínda ao 35% da poboación activa. Sobresae o sector alimentario, dedicado especialmente aos produtos lácteos e ás conservas de peixe, e son moi importantes as empresas químicas e as metalúrxicas. Concéntrase na costa, sobre todo en Santander na súa baía, e en Torrelavega; Reinosa constitúe o principal enclave industrial do interior. O sector terciario está en expansión a causa do incremento do turismo. Santander converteuse en centro de veraneo das elites castelás dende o último terzo do s XIX, gracias, sobre todo, á presenza da familia real e dos principais políticos e empresarios da Restauración. A isto uniuse o aumento das actividades de lecer no ámbito rural e a expansión turística no litoral a partir da década de 1960. Durante o verán o sector hostaleiro rexistra ocupacións próximas ao 100% nas localidades costeiras (Santander, Santillana del Mar, Suances, Laredo ou San Vicente de la Barquera). As comunicacións terrestres resultan insuficientes: o acceso á Meseta vese obstaculizado polas elevadas cotas da Cordilleira Cantábrica e está limitado a unha estrada nacional que rexistra un intenso tránsito de vehículos pesados. A topografía chá da zona litoral fixo posible trazar, cun investimento relativamente baixo, unha autoestrada que se prolonga cara a Bizkaia polo L.
Xeografía humana
Cantabria experimentou desde mediados do s XIX un constante e sostido incremento demográfico. Os elevados índices de natalidade e a escasa mortalidade provocaron un acentuado crecemento vexetativo, que comezou, sen embargo, a diminuír desde a década de 1970. A ruralidade do país provocou que, malia a demanda de man de obra na industria pesada do litoral, principiase a partir de 1940 un acusado proceso de emigración, de xeito que Cantabria rexistra saldos migratorios negativos desde aquela. A poboación rural é importante, aínda que a tendencia á concentración da poboación no litoral provoca o despoboamento dos núcleos de montaña, debido á escasa rendibilidade das explotacións agropecuarias e á deficiencia nos accesos. A xerarquía urbana resólvese coa macrocefalia evidente da capital autonómica, Santander, que lidera a rede de asentamentos con de 185.410 h (1996). O segundo foco industrial é Torrelavega que supera os 50.000 h (58.196 h). Nun plano inferior, vilas como Camargo (22.311 h), Castro Urdiales (15.167 h), El Astillero (13.010 h), Laredo (12.913 h), Reinosa (11.786 h) ou Santoña (11.843 h) completan a rede de asentamentos.
Historia
Os primeiros vestixios de poboamento humano en Cantabria remóntanse ao Paleolítico. Son especialmente abundantes os xacementos durante o Paleolítico Superior, período no que se desenvolve a arte rupestre cantábrica, ben representada polas covas de Altamira, El Castillo ou El Pando. Durante a Idade de Ferro, Cantabria padeceu unha forte celtización. Posteriormente, estas tribos (esencialmente pertencentes aos cántabros) opuxeron unha forte resistencia ao dominio romano, que non puido completarse ata finais do s I a C. A Cantabria romana quedou administrativamente dividida entre a Gallaecia e a Tarraconense, e tivo como principais cidades Portus Victoriae (Santander) e Juliobriga (próxima a Reinosa). A cristianización iniciouse cara ao s III d C, pero o dominio árabe foi escaso. Cantabria, unida a Asturias durante a Idade Media, converteuse nun centro de resistencia contra os musulmáns, sobre todo a partir do s X. Cara ao s XIII a historia e a economía de Asturias e Cantabria aparecen xa vinculadas ao crecente Reino de Castela e os períodos expansivos deste coincidiron con períodos de desenvolvemento cántabros. Os portos cántabros alcanzaron gran prosperidade ao converterse en punto de saída da la castelá para Europa. Cara ao s XVIII tivo lugar un período expansivo grazas ao desenvolvemento da actividade pesqueira, ao auxe do tráfico comercial con América e á nacente actividade industrial. En 1809 creouse a provincia de Santander e en 1818 a cidade de Santander converteuse na capital; os límites establecidos entón coinciden cos da actual Comunidad Autónoma. A perda de Cuba (1898) provocou o afundimento do tráfico comercial e reduciu a actividade económica á gandería e á pesca. A industria non volveu desenvolverse ata despois da Guerra Civil e centrouse na siderurxia e na construción naval. Progresivamente, desenvolveuse tamén o turismo. Cantabria forma parte desde o s XIX da antiga rexión de Castela a Vella. Coa restauración da democracia, tramitouse un Estatuto de Autonomía uniprovincial que foi aprobado polo Parlamento español en xaneiro de 1982 e Cantabria converteuse en Comunidad Autónoma. En marzo de 1982 o conservador José Antonio Rodríguez foi elixido presidente da Diputación Regional (goberno autónomo de Cantabria) e confirmado nas primeiras eleccións autonómicas (maio de 1983). En 1984 substituíuno Ángel Díaz de Entresotos, tamén membro de AP. En 1987 unha nova vitoria de AP deulle a presidencia a Juan Hormaechea Cazón, que continuou tralas eleccións de 1991, despois dun período de conflitos que levou temporalmente a Jaime Blanco García, do PSOE, á presidencia. En 1994 Hormaechea foi inhabilitado para o exercicio do cargo público, acusado de corrupción. O PP gañou as eleccións de 1995 e formou un goberno de coalición co Partido Regionalista de Cantabria baixo a presidencia de José Joaquín Martínez Sieso.
Arte
A antigüidade do poboamento de Cantabria queda patente nas mostras de arte paleolítica atopadas nas covas de Altamira, El Castillo, Las Chimeneas, La Pasiega e outras. Entre os ss VIII e IX construíronse os mosteiros de San Martín de Turieno, posteriormente chamado Santo Toribio de Liébana, e Santa María de Piasca. Foron os mosteiros os que difundiron a arte románica, na que destacan as colexiatas de Santa Juliana, San Martín de Elines, Santa Cruz de Castañeda e San Pedro de Cervatos, todas elas con torres poligonais ou cilíndricas cara ao exterior. O gótico cántabro está relacionado co crecemento e expansión das vilas costeiras. O gótico clásico aparece na igrexa de Castro Urdiales, mentres que o hispanoflamengo, nas igrexas de Santoña e San Vicente de la Barquera. Entre os ss XIII e XV desenvolveuse unha importante arquitectura militar, coa construción dos castelos de San Vicente de la Barquera e o desaparecido de San Felipe en Santander, entre outros. As casas construídas pola nobreza cantábra teñen a súa orixe nas torres baixomedievais, unhas defensivas como a torre de Quijas, e outras as denominadas casas-torres como as de Don Merino e Don Borja, en Santillana del Mar. Xa no s XV apareceu a casa-palacio, de planta rectangular e dous ou tres pisos, como a de dona Leonor en Santillana del Mar. O Renacemento trouxo o cambio da madeira pola pedra. Entre as construcións renacentistas resaltan o hospital do inquisidor Corro, en San Vicente de la Barquera, e o palacio de Acebedo, en Hoznayo. Os ss XVII e XVIII caracterízanse polo desenvolvemento dunha tipoloxía propia: a casona de dúas ou tres plantas, a inferior dedicada a adegas ou cortes, e a superior a vivenda. Entre as conservadas destacan a de Elsedo, en Pámanes, o edificio do concello de Santillana del Mar e o casarío de Miera Rubalcaba en Liérganes. Xa no s XIX destaca o conxunto de Sobrellano en Comillas, formado por un palacio e unha capela-panteón. Entre os museos e coleccións artísticas e etnográficas sobresaen, entre outros, o Museo de Prehistoria y Arqueología de Cantabria e o Museo de Bellas Artes, ambos os dous en Santander; o mosteiro de San Toribio de Liébana, en Camaleño; o Museo Cartográfico Juan de la Cosa, en Potes; o Museo de la Naturaleza de Cantabria, en Carrajo (Cabezón de la Sal); o Museo del Queso, en Raos; e o Museo del Hombre y el Campo, en Corvera de Toranzo.