Cantábrica, Cordilleira
Macizo montañoso que se ergue ao N da Península Ibérica entre a fosa Cantábrica ao N e a Submeseta Norte de Castela ao S. Limita ao O co Macizo Galaico e chega polo L ata Euskadi (val do río Mena). Xeoloxicamente, divídese en dous sectores ben diferenciados: o Paleozoico, que presenta afloramentos harmonicamente curvados formando unha forte convexidade cara ao O para dar lugar ao chamado arco astúrico, froito da tectónica herciniana, onde se atopan depósitos de hulla; e o sector Mesozoico, con pregamentos laxos de estilo Xurásico, producidos pola oroxenia alpina, con depósitos de 500 e 800 m de espesura. No que respecta ao relevo, pódese distinguir unha rexión litoral cunha altura mediana entre 300 e 500 m, formando unha costa abrupta e recortada e unha rexión interior con alturas importantes como Peña Rubia e Peña Ubiña (2.417m). Máis ao L hai unha liña de outeiros e cimas elevadas situadas a máis de 2.000 m que se denominan brañas, onde están as máximas elevacións, os Picos de Europa (Peña Santa 2.586 m, Naranco de Bulnes 2.518 m). Durante os períodos fríos cuaternarios o xeo modelou gran parte da cordilleira, e é nos Picos de Europa onde máis se notaron os seus efectos. Sobre o Naranco de Bulnes formouse unha plataforma de xeo (icefield), da que partían linguas glacias de ata 1.500 m de lonxitude. Predominan as paisaxes atlánticas de caducifolias, matogueiras e pasto, e as especies arbóreas predominantes son os carballos, os freixos e as abeleiras. Nas ladeiras da Cordilleira Cantábrica atópanse faiais que oscilan entre os 1.500 e os 1.800 m, onde comeza un piso de matogueiras cun estrato arbóreo claro formado por bidueiros e capudres. Os macizos máis altos presentan vexetación alpina. Na parte oriental hai comunidades mediterráneas como os aciñeirais. Carballeiras e freixedos naturais substituíronse a miúdo por castiñeiros, piñeirais ou eucaliptais. Na montaña, os prados de pasto e de herba teñen unha grande extensión. Os elementos da fauna cantábrica máis singulares no contexto peninsular son propios da rexión eurosiberiana e constitúen poboacións relitas meridionais. Durante a última glaciación a súa distribución desprazouse cara ao S e recuou de novo cara ao N ao finalizar aquela, deixando poboacións illadas nos macizos montañosos máis importantes. Estes núcleos poboacionais illados, acantonados en bosques de montaña, constitúen, no contexto ibérico, elementos do grupo faunístico do norte. Así, entre os anfibios destaca o tritón pirenaico que se localiza como unha poboación illada do continxente europeo e morfoloxicamente diferenciada con categoría de subespecie como Triturus alpestris cyreni; entre os réptiles, destaca a lagartixa das brañas; entre os mamíferos, a trilladeira nival, o leirón rilón, a rata tobeira, a lebre do piornal e o rebeco; e entre as aves, a perdiz pardilla, a pita do monte, o chasco rabipinto, a azulenta papuda, a choia piquiamarela, o peto negro, o peto mediano, a pica patinegra, o gabeador vermello, o gabeador norteño, a estreliña do norte, o verderolo da serra, a escribenta amarela e o ferreiriño caluguinegro. Outras especies cantábricas como o oso e o lobo, que no pasado estaban presentes en toda a Península, atopan en certas áreas da montaña un refuxio onde subsistir. Parte do patrimonio natural conservado na Cordilleira Cantábrica está declarado Parque Nacional dos Picos de Europa. Os ríos, que atravesan transversalmente o sistema, principalmente o Nalón, o Narcea, o Besaya e o Sella, son ricos en pesca. A vertente N da Cordilleira Cantábrica está máis industrializada e poboada ca a vertente sur, máis seca. A poboación está dispersa por lugares e casas illadas.