Cantonalista, Insurrección
Alzamento que tivo lugar en diversos lugares de España (Comunitat Valenciana, Andalucía, Murcia e Galicia) en xullo de 1873, co obxecto de instaurar un réxime federal nos antigos estados históricos, provincias e municipios (os cantóns). O goberno republicano de Pi i Margall adiou a instauración da república federal, a pesar dos votos favorables nas Cortes, e impulsou os sectores federais intransixentes a lanzarse á proclamación dos cantóns federais, que obrigaría ao poder a aceptar os feitos consumados. O punto de partida da revolución cantonal foi a retirada das Cortes, o 1 de xullo, da minoría intransixente, que comezou a revolución política e colaborou na formación dos cantóns. A insurrección iniciouse o 12 de xullo en Cartagena e estendeuse pola costa meridional mediterránea, onde predominaba o federalismo, e chegou ata Granada, Ávila, Salamanca, Andújar e Bailén. Pi i Margall dimitiu o 18 de xullo sendo substituído por Salmerón na presidencia do executivo republicano, feito que favoreceu unha extensión do cantonalismo. Os anarcosindicalistas da Primeira Internacional colaboraron co movemento rebelde nas cidades de València, Cádiz e Sevilla. Entre finais de xullo e mediados de agosto caeron os principais cantóns levantinos e andaluces. O de Málaga resistiu ata o 19 de setembro e o de Cartagena, transformado en Cantón murciano e dotado dunha base naval con boa parte da escuadra do país, aguantou ata xaneiro de 1874. Os cantonalistas iniciaron, nas zonas que dominaban, algunhas tímidas reformas sociais: recoñeron o dereito ao traballo, estableceron a xornada laboral de oito horas e suprimiron a contribución polo consumo. No ámbito galego, despois de proclamada a República Federal, o federalismo dividiuse en dous grupos: un sector fiel ao goberno e outro claramente obreiro. Os escasos incidentes foron protagonizados polo sector máis radical e proletario do republicanismo galego, como o “batallón de voluntarios francos Galaicos”, creados en xuño de 1873 para combater os carlistas e soster a orde pública en Lugo e Ourense. Este corpo sublevouse en agosto en Viana do Bolo e proclamou a República Federal Intransixente e Social, pero, atacados polo exército, fuxiron a Portugal.