Capadocia
Rexión de Asia Menor, limitada ao S polas montañas Tauro e ao L polo río Éufrates, ao N polo río Halis, e ao O pola rexión dos lagos de Pisidia e Licaonia. Os límites antigos de Capadocia abarcaban numerosos pobos, pero o seu territorio cambiou varias veces de extensión e división. As cidades máis importantes son Cesárea, Sivas (importante centro de comunicacións), Kastamonu (centro industrial) e Ancara (colonia de armenios). No III milenio, os asirios estableceron cidades comerciais, chamadas karum. No II milenio, coa chegada dos hititas, púxose fin aos establecementos asirios e a rexión converteuse no núcleo do estado. Capadocia sufriu a mesma sorte histórica que o resto de Asia Menor e en tempos de Tiberio converteuse en provincia romana. Na época cristiá coñeceu un movemento monástico florecente que deixou un conxunto de celas de anacoretas e de igrexas rupestres que conteñen frescos datados entre os ss IX e XI.