capítulo

capítulo

(< lat capitŭlu)

  1. [RELIX]
    1. s m

      Asemblea periódica dos membros dunha catedral, colexiata ou mosteiro, reunida para certas prácticas de piedade ou para adoptar acordos de interese común. O nome provén da lectura pública dun capítulo da Biblia ou ben da regra propia, constitución ou costumes da casa na sala capitular.

      Ex: O cóengo máis vello presidía o capítulo.

      Sinónimos: cabido.
    2. s m

      Reunión periódica de todos os superiores ou monxes, relixiosos ou cregos regulares dunha provincia (capítulo provincial) ou de todo o mundo (capítulo xeral) segundo os estatutos propios, destinada a deliberar e tomar acordos referentes ao total ou a unha parte da orde ou da congregación. Ten facultades lexislativas e correctivas. Semella que esta práctica a estableceu por vez primeira a congregación cisterciense, que na súa Carta Charitatis (1119) dispuña a reunión anual de todos os abades da orde en Citeaux. O Concilio IV de Letrán (1215) estendeuna a todas as congregacións monásticas e a todas as ordes relixiosas.

      Sinónimos: cabido.
    3. s m

      Lugar onde se reúne o capítulo.

      Sinónimos: cabido.
    4. capítulo de culpas

      Costume monástico segundo o que os monxes se acusan publicamente diante dos seus compañeiros de faltas contra a regra.

    5. capítulo catedral

      Corporación formada polos cóengos como consello do bispo nas catedrais que ten tamén ao seu cargo, co auxilio dos beneficiados, a celebración solemne do oficio divino. Os capítulos catedrais xurdiron ao longo do s XI coa disolución da vida en común dos cóengos catedralicios. Dentro do capítulo tiña unha importancia primordial o arquidiácono: os seus intereses e os do capítulo en xeral eran a miúdo opostos aos do bispo. O capítulo exercía a xurisdición eclesiástica durante a súa vacante (elixía entre os seus membros o vicario capitular), pero a ausencia continuada dos bispos fixo que esta xurisdición se mantivese fóra da sé vacante. Isto fixo que o capítulo fose o representante nos concilios provinciais e nas Cortes. Ademais reservóuselle o dereito de elixir o bispo. A partir do Concilio de Trento, sen embargo, perdeu definitivamente esta atribución. A supresión da maioría dos privilexios dos capítulos a favor do bispo e da centralización romana non se fixo sen resistencia nin enfrontamentos. Modernamente, os seus privilexios volvéronse máis honoríficos ca efectivos e as súas funcións quedaron moi restrinxidas polo Código de Dereito Canónico de 1983.

  2. s m

    Asemblea de persoas reunidas en comunidade para deliberar e tomar os acordos pertinentes aos intereses desta.

  3. s m
    1. Cada unha das partes principais nas que se divide un escrito (libro, tratado, códice, escritura, leis, etc) co fin de acadar unha ordenación axeitada das materias ou temas tratados. Componse, normalmente, de varios parágrafos e adoita ir precedido por un número ou epígrafe. Malia todo, a literatura contemporánea tende a romper esta estruturación en capítulos.

      Ex: A novela que estou a ler ten trece capítulos.

      Confrontacións: episodio.
    2. Cada un dos apartados en que se divide algo.

      Ex: Dividiu a súa exposición en tres capítulos.

  4. s m [BOT]

    Inflorescencia de eixe moi curto e alargado que constitúe un receptáculo onde se insiren as flores, sésiles e, ás veces, acompañadas de brácteas, característica das asteráceas.

    Sinónimos: calátide.
  5. s m pl [DER]

    Propostas que a asemblea de síndicos das universidades e os lugares dunha baronía ou do conxunto das baronías dun mesmo señor lle dirixían ao barón pedíndolle privilexios e outras disposicións de interese xeral, xurídicas ou normativas. Eran aceptadas ou rexeitadas coas fórmulas de aprobación ou non aprobación do señor e, nalgúns casos, emendadas cunha aceptación condicionada.

  6. capítulos matrimoniais [DER]

    capitulacións matrimoniais.

Frases feitas

  • Chamar a capítulo. Reprender a alguén.