Caramelo

Caramelo

Empresa de confección creada na Coruña por José Antonio Caramelo e Luis Gestal, á que se uniu posteriormente Javier Cañás Caramelo como deseñador. Iniciaron a súa actividade coa fabricación de impermeables e posteriormente ampliaron a súa oferta ata cubrir a totalidade das pezas de vestir de home e muller. En 1971 lanzaron ao mercado as marcas Chelton, Yale e Tommy Harrods e en 1984 a marca Caramelo, o que supuxo a adaptación da empresa cara aos mercados internacionais. A súa produción supera o millón de pezas anuais, factura máis de 9.500 millóns de pesetas e emprega directamente a 600 persoas. Posúen tendas distribuídas por España, Portugal, Chile, México e China e proxectos de expansión cara a Francia, Alemaña, Italia ou Suecia. Participante nos desfiles realizados en Galicia, como Luada, en España, como o Salón Gaudí de Barcelona ou a Pasarela Cibeles de Madrid, ou fóra de España, como as mostras Pitti imagine uomo, de Florencia, Herren mode Woche, de Colonia, e o salón SHEM, de París.