Caramuxo, Camiño do
Polígono industrial informal situado na parroquia de Santo André de Comesaña, ao S do núcleo urbano de Vigo. Está próximo ao río Lagares e aos terreos da Zona Franca, en Balaídos, onde se instalou no 1959 a factoría de automóbiles Citroën. Co tempo fóronse establecendo neste polígono industrias auxiliares atraídas pola proximidade da multinacional francesa, o seu principal cliente, e polos accesibles prezos do solo. Como resultado xerouse unha intensa aglomeración industrial. A espontaneidade no desenvolvemento e a falta de infraestruturas de servicios ocasionaron problemas na concentración que derivaron, sobre todo a partir de 1990, na marcha de moitas empresas cara a polígonos formais como o da propia Zona Franca nas Gándaras de Budiño (O Porriño).