Caravaca de la Cruz
Municipio da Comunidad Autónoma de la Región de Murcia, drenado polos ríos Argos e Quipar, e atravesado polo canal do Taibilla (21.824 h [1996]). O seu cumio máis elevado é Sierra de Mojantes, a 1.612 m de altitude. O clima é seco pero non moi continentalizado. A economía sufriu un cambio nos últimos anos, xa que, de ser eminentemente agrícola e gandeira, transformouse nunha cidade industrial onde o sector terciario é cada vez máis importante, sobre todo a hostalería e o turismo. A súa situación xeográfica converteuna na cabeza natural e económica da comarca do NO murciano. Na agricultura potenciáronse as novas tecnoloxías polo que melloraron as explotacións. Na industria destaca o calzado, o mármore, o cánabo, o esparto, a pel, a confección e a construción. A cidade esténdese pola aba dun outeiro coroado por un castelo do s XV que pertenceu á orde de Santiago, onde se atopa a igrexa da Santa Cruz. No núcleo antigo destacan numerosos casais e pazos, barrocos na súa maioría. Representa o mercado principal dos pobos que constitúen a comarca do Campo de Caravaca. Foi conquistada definitivamente no ano 1265 por Xaime I de Aragón, que a entregou a Castela. No Santuario de la Santísima y Vera Cruz consérvase a Cruz de Caravaca, un estoxo relicario en forma de cruz de catro brazos que contén un anaco de madeira da Cruz de Cristo, atopado en 1232. Caravaca é lugar de peregrinación para todo o mundo cristián. A Santa Sé concedeulle o privilexio de celebrar un Ano Santo cada sete anos.