Carbajo Villaverde, Antonio

Carbajo Villaverde, Antonio

Artista plástico. Coñecido como Tono Carbajo, estudiou na escola Massana e na facultade de Sant Jordi de Barcelona. En 1983 trasladouse a Madrid, onde traballou no taller de Luis Gordillo no Círculo de Bellas Artes. As súas primeiras propostas, que se achegan a unha figuración matérica e xestual, están realizadas en superficies de formatos irregulares. Posteriormente, creou obras de carácter conceptual, nas que os obxectos forman parte da obra e na que os novos materiais, como a fibra de vidro, non fan esquecer os materiais tradicionais como o lenzo. A súa primeira exposición individual realizouna en 1982 na galería Novecento en Vigo e, desde entón, fixo exposicións individuais nesta cidade, na Coruña, en Santiago de Compostela e en Madrid; participou tamén en mostras colectivas como ARCO’85 ou a VII Bienal de Arte de Pontevedra, entre outras. No ámbito internacional participou en diversas exposicións colectivas: Palazio degli aratisti (Turín), Galleria Fascimile (Roma), Casa de don Hugo (Porto) ou Fundação Calouste Gulbenkian (Lisboa), entre outras. A súa obra abrangue tamén a realización de murais en Cereceda e Cabana. Entre as súas obras destacan as series Crisálida (1983), Ofelia (1987) e Art Explorer (1987). Recibiu o V Premio Internacional Príncipe de Viana de Navarra.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo