Carballo Calero, Ricardo

Carballo Calero, Ricardo

Escritor. Pasou a nenez e a mocidade en Ferrol, estudiou por libre o bacharelato e publicou os seus primeiros versos e prosas en galego e castelán en El Correo Gallego e Maruxa. Nesta cidade viviu de 1910 a 1950, coas obrigadas ausencias universitarias e as derivadas da Guerra Civil. De 1926 a 1933 a carreira de dereito e o servizo militar levárono a Santiago de Compostela onde entrou en contacto coa cultura galega, a través do Seminario de Estudos Galegos. Ingresou nesta institución cunha lectura poética, traballou en diversas seccións (Filoloxía, Historia da Literatura e Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas), publicou na revista Arquivos “Como vía a Aristóteles o P. Feijoó” (1930), o seu primeiro estudo literario, e chegou a ser secretario de actas e secretario xeral. Tamén nesta cidade iniciou o exercicio da política esquerdista e nacionalista. Na súa traxectoria intelectual sentiuse sempre, aínda que desde a independencia persoal, un discípulo dos mestres de Nós e un membro do grupo xeracional do Seminario de Estudos Galegos (1923). Os ideais nacionalistas deste organismo científico interdisciplinar haberán marcar de por vida a personalidade do autor, xa que asumiu plenamente o seu proxecto de estudo rigoroso da realidade galega e os seus presupostos creativos, cultistas, vangardistas moderados e universalistas, así como os principios políticos do Partido Galeguista (1931), o único partido ao que pertenceu. Na derradeira etapa da súa vida asinou como Ricardo Carvalho Calero e, ao longo da súa traxectoria literaria, empregou os pseudónimos de M. Dumbría e M.D. (escollidos en homenaxe ao emblemático personaxe de Devalar, de Ramón Otero Pedrayo, que fixeron explícito o seu ser esencialmente “seminarista”), e o de Fernando Cadaval, elixido en agasallo á súa muller, natural do Cádavo. Empregou tamén heterónimos como Ilex, Leopoldo Calero ou Eduardo Colmeiro. Participou no activismo estudantil prerrepublicano da Federación Universitaria Escolar, da que foi presidente, con contribucións tan importantes como o Discurso de apertura del curso 1930-31 (1930) e o folleto La Fuerza Pública en la Universidad de Santiago. Datos y documentos (1931). Tamén militou nos grupúsculos composteláns Agrupación Nazonalista e Esquerda Galeguista que precederon ao Partido Galeguista, no que se integrou desde a súa fundación. A súa formación xurídica, orientada cara ao dereito político, permitiulle elaborar o traballo obxecto da súa primeira conferencia pronunciada no Centro Obreiro de Cultura de Ferrol “En torno a las ideas comunistas de Platón (1929), e traballar no Anteproyeito de Estatuto da Galiza (1931). Por outra parte, a súa creación e a súa crítica literaria publicáronse en revistas como A Nosa Terra, Nós, Guión, Galiza, Resol, Universitarios ou Papel de color, e apareceron os seus primeiros libros poéticos, un en galego e dous en castelán, Trinitarias (1928), Vieiros (1931) e La soledad confusa (1932), froito do modernismo e da vangarda. De 1933 a 1936 volveu a Ferrol tras gañar en 1933 unha praza de auxiliar administrativo no concello desa cidade, o que lle permitiu casar nese ano con María Ignacia Ramos, licenciada en Filosofía e Letras, que colaborou intelectualmente con el e publicou algúns escritos como María Silgar. Nesta etapa estudiou por libre filosofía e letras e afiliouse ao Sindicato de Oficios Varios da Unión General de Trabajadores. En 1935, xa dobremente licenciado, pediu a excedencia no concello e impartiu clases no Centro de Enseñanza General mentres preparaba oposicións a cátedras. No terreo político-cultural, participou moi activamente nas tarefas galeguistas locais e nacionais e chegou a ser presidente do Partido en Ferrol ou compromisario nas eleccións de presidente da República, e consagrouse como orador. As preocupacións cívicas levárono a estar presente en publicacións como a galeguista Erte...! (1932) ou a esquerdista Ser (1935), e a vocación poética a editar O silenzo axionllado (1934). A súa vida viuse profundamente afectada pola Guerra Civil, no terreo íntimo, creativo, profesional e ideolóxico. O comezo do conflito sorprendeuno en Madrid, onde opositaba a profesor encargado de curso de institutos de bacharelato de lingua e literatura española. Dende 1936 ata 1941 estivo en Madrid, València e Andalucía. Participou na defensa de Madrid como miliciano do Batallón Félix Bárzana, organizado pola Federación Española de Trabajadores de la Enseñanza da UGT; trasladouse logo á Comunitat Valenciana e incorporouse finalmente ao Exército de Andalucía como tenente. Durante o proceso bélico actuou como defensor de reos ante consellos de guerra e relacionouse cos galeguistas da zona republicana, especialmente con Castelao. Neste período escribiu algún poema e a peza teatral Reina del tiempo. Rematada a guerra, foi detido e condenado a doce anos e un día de reclusión maior, dos que cumpriu dous na prisión de Jaén. Na cadea escribiu só poesía en castelán por razóns de censura, como “Teoría de Eva” e composicións do “Romancero de apócrifos y canónicos”, dous conxuntos que o escritor deixou perfectamente ordenados para ser editados postumamente. Esta tarefa sería realizada por Claudio Rodríguez Fer co título de Poesía perdida, colección na que incorporou ademais as restantes composicións pre e posbélicas de Carballo Calero en castelán: “Versos para olvidar” e “Versos para romper” (revisións de Trinitarias e La soledad confusa, respectivamente), e “Avena loca”. Á saída do cárcere, en 1941, instalouse en Ferrol ata 1950. En liberdade provisional e imposibilitado pola ditadura para exercer cargos públicos, traballou no ensino privado e restableceu as súas relacións co galeguismo do interior, mentres no imposto silencio literario escribiu o cancioneiro popular O trebo das catro follas, inédito ata 1997. De 1950 a 1965 viviu en Lugo dirixindo o colexio Fingoi. Nesta etapa participou na política cultural da Editorial Galaxia e dedicouse de cheo á escritura creativa e crítica, ao tempo que se doutorou en Madrid coa tese “Aportaciones fundamentales a la literatura gallega contemporánea” (1954). Obtivo o premio Bibliófilos Gallegos con A xente da Barreira (1951); ingresou en 1958 na Real Academia Gallega co discurso Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía (1959); publicou os poemarios Anxo de terra (1950), Poemas pendurados dun cabelo (1952) e Salterio de Fingoy (1961); e os estudios e ensaios Historia da literatura galega contemporánea (1963), Sete poetas galegos (1955), Aportaciones a la literatura gallega contemporánea (1955) e Versos iñorados ou esquecidos de Eduardo Pondal (1961). Estes estudios supoñen a creación definitiva da ciencia literaria galega, mentres a poesía consolida o clasicismo existencial e a narrativa procura un neorrealismo rural. En 1965 obtivo praza de agregado de lingua e literatura española en Santiago de Compostela, encargouse das clases de galego da Universidade e ocupou a cátedra de Lingüística e Literatura Galega, que obtivo en 1972. Nesta nova xeira estableceu definitivamente a súa residencia en Santiago de Compostela e dedicouse ao traballo da cátedra e doutras institucións (Real Academia Gallega, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, Sociedad de Literatura General y Comparada). Publicou só un libro de creación, Catro pezas (“A sombra de Orfeo”, “Farsa das zocas”, “A arbre” e “Auto do prisioneiro”, 1971), teatro simbólico-existencial a excepción da popular “Farsa das zocas”. Concentrouse nas obras de lingüística e historia literaria: Gramática elemental del gallego común (1966); Breviario antológico de la literatura gallega contemporánea (1966); edición de Cantares gallegos (1969), de Rosalía de Castro; Sobre lingua e literatura gallega (1971); Particularidades morfológicas del lenguaje de Rosalía de Castro (1972); edición de Poesías (1972), de Rosalía de Castro, en colaboración con Lydia Fontoira Surís; Historia da literatura galega contemporánea (2ª edición, 1975); Historia de la literatura gallega contemporánea (1976); Literaturas Hispánicas. Unidad didáctica 1-2 (1977); Estudos rosalianos. Aspectos da vida e da obra de Rosalía de Castro (1979); Libros e autores galegos. Dos trovadores a Valle-Inclán (1970) e a edición do Teatro Nós (1979), de Risco, Otero e Castelao. Xunto con Filgueira Valverde e Ramón Piñeiro elaborou as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1ª edición 1971, 2ª edición 1977), aprobadas pola Real Academia Galega en 1970 e 1971. Coa xubilación, en 1980, comezou unha nova etapa que continuou a desenvolver en Santiago de Compostela pero con estancias en Lugo e que estivo marcada polo distanciamento do galeguismo oficial (con excepcións como a concesión da Medalla Castelao en 1984 ou o Premio da Crítica Española en 1988 por Scórpio) e pola súa situación na oposición reintegracionista, que o homenaxeou reiteradamente. Mais, por enriba de todo, a súa figura gozou dun fundamentado prestixio e suscitou diversos libros de entrevistas: Conversas en Compostela con Carballo Calero (1986), de M. A. Fernán-Vello/F. Pillado Mayor; Conversas con Carballo Calero (1989), de Carmen Blanco, e Voz e silencio (1991), de Francisco Salinas Portugal. Nesta última década retomou a creación e revisou e reordenou con pretensión definitiva o conxunto da súa obra: a poética, en Pretérito Imperfeito (1927-1961) (1980), Futuro condicional (1961-1980) (1982), Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985) (1986) e Reticências... (1986-1989) (1990); a narrativa, en A gente da Barreira e outras histórias (1982), coa novela homónima e os relatos “As pitas baixo a chúvia”, “Os tumbos”, “A cegoña” e “Aos amores seródios”, e Narrativa completa (1984) (que engadiu “Os señores da Pena” e “O lar de Clara”) e a novela polifónica e biográfico-testemuñal Scórpio (1987); a dramática, en Teatro completo (1982), que engade ás catro pezas anteriores “O fillo”, “Isabel”, a adaptación de Li Hsing-Tao “O redondel” e “Os xefes”; a xornalística, ensaística e científica, en Historia da literatura galega contemporánea (3ª edición, 1981), Problemas da língua galega (1981), Libros e autores galegos. Século XX (1982), Da fala e da escrita (1983), Letras galegas (1984), La fuerza pública en la Universidad de Santiago y otros escritos escolares (1930-1933) (1987), Estudos e ensaios sobre literatura galega (1989), Escritos sobre Castelao (1989), Do galego e da Galiza (1990) e Umha voz na Galiza (1992); e as edicións das Cantigas de amor, de escarño e de louvor (1983), de Alfonso X, en colaboración con Carmen García Rodríguez, e da Antología bilingüe (1983), de Castelao. A traxectoria intelectual de Carballo Calero destacou pola coherencia do seu traballo ininterrompido en favor de Galicia, de acordo cun ideal nacionalista sempre vivo a través das sinaladas tres etapas da preguerra, da posguerra e da democracia que o foron modulando. En consecuencia, o conxunto dos seus escritos científicos, políticos e literarios conformou unha obra humanística monumental e fundamental na cultura galega que deu lugar a numerosos estudios sobre a súa figura e obra como Política e cultura (1991), de Carmen Blanco; Foula e ronsel. Os anos xuvenís de Carvalho Calero (1910-1941) (1992), de Aurora Marco; e Carvalho Calero e a sua obra (Laiovento, 1993) de José-Martinho Montero Santalha, entre outros.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ferrol

  • Deceso

    Lugar : Santiago de Compostela