Carballo García, Jesús
Ximnasta. Proclamouse campión de España de barra fixa nos anos 1965, 1966, 1967 e 1968. Obtivo tamén o título de campión da Copa del Generalísimo co seu club, o Real Madrid. Foi integrante da selección española de ximnasia durante oito anos, e con ela acudiu aos Xogos Olímpicos de México 1968, onde sufriu unha grave lesión. Competiu nos Xogos do Mediterráneo de Tunes 1967 e nos campionatos do Mundo de Dortmund 1966 e Ljubljana 1970, onde unha nova lesión obrigouno a abandonar a práctica da ximnasia. Con posterioridade incorporouse ao equipo técnico da Federación Española de Gimnasia como adestrador do equipo nacional masculino, ao que dirixiu entre 1974 e 1978, nos Xogos Olímpicos de Montreal 1976 e nos Campionatos do Mundo de Estrasburgo 1978. A partir desa última data traballou co equipo español de ximnasia artística feminina, co que participou en seis Xogos Olímpicos consecutivos (Moscova 1980, Los Angeles 1984, Seúl 1988, Barcelona 1992, Atlanta 1996 e Sidney 2000); en todos eles o equipo español obtivo diplomas olímpicos. Ademais destes diplomas e das varias medallas obtidas en Campionatos de Europa e do Mundo por Eva Rueda, un dos seus maiores éxitos foi a consecución da primeira cualificación perfecta dun exercicio (10) dunha ximnasta española, Laura Muñoz. No plano técnico, á súa autoría corresponden varios elementos: o Montálvez e o Pacheco para barras paralelas e o Rueda para barra de equilibrios.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Rodeira -
Deceso
Lugar : Vilela, Tirán, Moaña