carbonilo

carbonilo

(

  1. s m [QUÍM]

    Radical bivalente positivo >C=O, que pode considerarse como derivado do ácido carbónico por perda de dous grupos OH. O cloruro de carbonilo, COCl 2 , é o fosxeno, e a amida, CO(NH 2 ) 2 , é a urea. En todos os compostos de carbonilo, COX 2 , a distancia C-O é máis longa ca a do dobre enlace C=O, e a distancia C-X, máis curta ca a correspondente a un enlace simple; polo tanto, cómpre considerar estes compostos como híbridos de resonancia.

  2. s m [QUÍM]

    Nome que recibe o monóxido de carbono, segundo a nomenclatura sistemática, cando forma parte dun complexo como ligando.

  3. s m [QUÍM]

    Grupo de fórmula >C=O, característico dos aldehidos e das cetonas. O dobre enlace carbono-osíxeno do carbonilo ten carácter polar. Isto fai que o grupo carbonilo sexa moi reactivo, susceptible de ataque nucleófilo sobre o átomo de carbono (deficitario de electróns) ou susceptible de ataque electrófilo sobre o átomo de osíxeno, que leva á subseguinte adición dun nucleófilo sobre o carbono.

  4. carbonilo metálico [QUÍM]

    Complexo metálico que contén monóxido de carbono como ligando. A maior parte dos metais de transición forman carbonilos metálicos; nestes, os metais presentan un estado de oxidación moi baixo, a miúdo igual a cero e incluso negativo, estado que lle conferiría ao átomo do metal unha densidade electrónica excesiva, a non ser que o ligando CO aceptase unha parte nos orbitais baleiros que posúe. O enlace resultante adquire, deste xeito, un carácter de dobre enlace. Hai carbonilos polinucleares que conteñen dous ou máis átomos de metal, nos que o ligando CO pode facer de ponte entre eles, ao unirse sempre polo átomo de carbono, pero nos que, ademais, teñen lugar interaccións entre os distintos átomos metálicos, que poden chegar a constituír realmente enlaces directos metal-metal. Os carbonilos metálicos son compostos de interese estrutural; moitos deles teñen importancia no eido industrial, principalmente na preparación técnica de metais en estado de gran pureza e na catalización de reaccións diversas, como a hidroformilación ou a carbonilación. Son líquidos inflamables ou sólidos combustibles, moi tóxicos e a maioría estables no aire, que se preparan por reacción directa do monóxido de carbono co metal ou cun sal metálico en presenza de redutores, ou ben por intercambio de ligandos entre un complexo metálico e o ferropentacarbonilo. Os carbonilos mononucleares teñen estruturas de tetraedro, de bipirámide triangular ou de octaedro, segundo o número de coordinación: 4, 5 ou 6, respectivamente. As reaccións máis importantes dos carbonilos metálicos son as de substitución dos grupos CO por outros ligandos, que permiten a preparación de gran diversidade de compostos. Coas bases orixinan anións carbonilato e ademais inician determinadas reccións de polimerización, como a do metacrilato de metilo. Entre os múltiples derivados dos carbonilos metálicos, teñen especial interese os hidruros e os haluros.