Carcassonne

Carcassonne

Capital do departamento francés de Aude e condado do mesmo nome (43.470 h [1990]). A vila está situada nas marxes do río Aude, nunha chaira fértil. O leito fluvial divide a cidade en dúas La Ville-Basse e La Cité. A primeira sitúase nunha chaira, con amplos bulevares. A segunda é a cidade antiga, situada nun outeiro. A actividade económica principal é a industria téxtil. Foi unha antiga colonia romana desde o s I a C, tamén ocupada polos visigodos, que construíron as primeiras fortificacións (s VI) e polos árabes (728-752). En 1247 pasou a formar parte da coroa francesa. As fortificacións medievais, con dobre recinto e con numerosas torres, teñen dúas portas: a Narbonnesa e a Aude, rematadas no s XIII e restauradas completamente por Viollet-le-Duc a mediados do s XIX. Na cidade vella encóntrase a catedral de Saint-Nazaire (1096-1150), románica, restaurada en parte no período gótico (1270-1320) e o castelo dos condes. Na vila, formada na chaira a partir da expulsión, despois da revolta de 1240, da maioría dos habitantes da cidade amurallada, está a igrexa de Saint-Vincent do s XIV e a catedral de Saint-Michel do s XIII.