Cardoso, Fernando Henrique
Sociólogo e político. Profesor da Universidade de São Paulo, exiliouse tralo golpe de Estado de 1964. Traballou en Francia, Arxentina e Chile como director adxunto da Comisión Económica para América Latina (1964-1969). Xa de volta no seu país, fundou o Centro Brasileiro de Planificación e Análise (CEBRAP), do que foi director desde 1969 a 1982. Entre 1983 e 1992 foi representante por São Paulo no Senado brasileiro. En 1988 fundou o Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB). Como ministro de Facenda (1993-1994), promoveu un plan de estabilización económica cunha nova unidade monetaria (o real), dolarizou a economía brasileira e reduciu a taxa de inflación mensual do país. Nas eleccións de 1994 foi elixido presidente da República e durante o seu mandato Brasil adheriuse ao Tratado de Non Proliferación de Armas Nucleares (NPT). Foi reelixido presidente en 1998. Entre outras obras, publicou: Dependência e desenvolvimento en América Latina (1969), Política e desenvolvimento em América Latina (1971) e A construção da democracia: estudos sobre a política (1993). Entre os recoñecementos que recibiu, cómpre salientar a Orde do Mérito de Chile, Colombia, Ecuador, Hungría, Paraguay e Portugal, e no ano 2000, o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Rio de Janeiro