Carduci, Giosuè
Poeta e crítico literario italiano. En 1853 trasladouse á escola normal de Pisa, onde se graduou en 1855. Exerceu a docencia e traballou co editor Barbera na edición de clásicos, ata que en 1860 obtivo a cátedra de Literatura Italiana na Universidade de Boloña, posto que ocuparía ata o ano 1904. Nun principio profesou ideas republicanas, pero posteriormente optou pola monarquía e foi nomeado senador en 1890. Concibiu a poesía como unha volta á propia tradición clásica, como un canto, oposto ao sentimentalismo popularista dos últimos románticos. Opúxose ao verismo e a todo tipo de esteticismo influído por correntes alleas á tradición propia, como o decadentismo ou o parnasianismo. A súa poesía ten como base unha adhesión aos obxectivos da revolución garibaldina e exalta o heroísmo dos homes e os feitos relacionados co pasado histórico. Na súa produción destaca Juvenilia (1850-1860), onde recolle os poemas de xuventude; o célebre poema A Satana (A Satanás, 1863), no que se exalta o diaño como símbolo dunha rebelión necesaria; Giambi ed epodi (Iambos e épodos, 1867-1879), onde acadou xa unha linguaxe propia que culminou en Rime nuove (Rimas novas, 1861-1887), Odi Barbare (Odas bárbaras, 1877-1889) e Rime e ritmi (Rimas e ritmos, 1898). Como prosista publicou Confessioni e battaglie (Confesións e batallas, 1882, 1883 e 1884), que contén ensaios literarios e políticos, e a recolleita de escritos menores Genere e faville (Xéneros e chispas, 1859-1901). Como crítico creou o chamado método histórico, interpretación máis poética ca científica dos clásicos italianos, e publicou Dello svolgimento della letteratura nazionale (Sobre o desenvolvemento da literatura nacional, 1868-1871). En 1906 recibiu o Premio Nobel de Literatura.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Val di Castello -
Deceso
Lugar : Boloña