caribe
-
adx
[ETN]
Relativo ou pertencente ao pobo ou ás linguas caribes.
-
s
[ETN]
Individuo do grupo étnico dos caribes.
-
s
m pl
[ETN]
Tribos amerindias que desde pouco antes do descubrimento de América ocupaban as Pequenas Antillas e parte das terras veciñas do continente, anteriormente poboadas polos arauacos. Os primitivos caribes insulares, que posuían trazos característicos da cultura amazónica, destacaron polo seu canibalismo e pola súa belicosidade nos primeiros contactos cos europeos. Desapareceron case totalmente das Antillas e os superviventes foron relegados por Francia e Inglaterra á Dominica e á illa de Saint Vincent. Mesturados coa poboación negra da illa, os denominados caribes negros foron deportados a Honduras no 1795, onde hoxe habitan uns 30.000. Actualmente o núcleo principal dos caribes localízase nas zonas montañosas das Guaianas e de Venezuela, na súa fronteira con Brasil. Tamén habitan na beira dos ríos Negro e Amazonas e nos Andes colombianos.
-
s
m
[LING]
Familia de linguas pertencente ao grupo je-pano-caribe. O seu centro de dispersión foi a rexión comprendida entre a conca alta do río Xingu e o río Tapajós, desde onde se estendeu ata a costa nordés do continente e ás Antillas. Está constituída por un centenar ou máis de falas, entre vivas e extinguidas.