Carintia
Land de Austria (9.533 km2; 563.645 h [1997]). A súa capital é Klagenfurt. É unha área montañosa, de clima continental, formada por dúas rexións: a Carintia occidental, de vales abruptos e altas montañas, e a Carintia oriental, que comprende a fértil depresión de Klagenfurt, separada de Italia e Eslovenia polos Alpes Cárnicos e os Karawanken. O principal río é o Drava, afluente do Danubio, que atravesa o país e serve de canal para o transporte de madeira, sector punteiro da economía. A existencia de depósitos de mineral de ferro, lignito, minerais de chumbo e magnesita deu lugar a unha importante industria metalúrxica. A poboación, maioritariamente alemana, ten un 12% de eslovenos. Centro do reino celta da Nórica, foi conquistada por Augusto no 15 a C e converteuse en provincia romana. Durante o s VI asentáronse no territorio bávaros e eslavos. Situada baixo dominio do duque de Baviera desde o 769, Carlomagno incorporouna ao imperio franco. No 976 constituíuse nun ducado independente que incluía Estiria e o Tirol oriental. Pasou ao poder de Bohemia no 1265 e dos condes do Tirol no 1286. Desde 1335 formou parte dos estados dos Habsburgo. Pola Paz de Viena integrouse (1809-1814) nas Provincias Ilíricas baixo dominio francés e, con posterioridade, pasou de novo ao Imperio Austríaco. En 1920, despois do Tratado de Saint-Germain, o sur de Carintia, de maioría eslovena e ocupado por Iugoslavia, decidiu por plebiscito seguir sendo austríaco (59%); sen plebiscito, o val de Miess pasou a Iugoslavia, na parte que dende 1991 corresponde a Eslovenia, e o de Canale a Italia.