Cáritas

Cáritas

Organización non gobernamental dependente da Igrexa Católica destinada a coordinar as obras de beneficencia. Creada polo Papa Pío XII no ano 1950 a escala internacional, en cada país depende da Conferencia Episcopal, que delega nos bispos para que asuman a dirección nas súas respectivas dioceses. A Cáritas diocesana está representada en cada parroquia pola Cáritas parroquial. En Galicia constituíuse en 1973 baixo a dirección do arcebispado de Santiago. A evolución das súas actividades levouna a unha diversificación que abrangue dende actividades de axuda humanitaria aos máis necesitados ata programas de alfabetización, promoción e asesoramento á inserción laboral de colectivos desfavorecidos, asistencia a minorías e proxectos de desenvolvemento no Terceiro Mundo.