carlismo
(< antropónimo Carlos MaríaIsidro de Borbón)
Movemento político xurdido en 1833 no marco do conflito dinástico suscitado pola sucesión á coroa de España ao morrer Fernando VII. Defendía os intereses de Carlos María Isidro de Borbón (1788-1855), irmán de Fernando VII, e dos seus descendentes a ocupar o trono de España. Así mesmo, axuntaba diferentes correntes antiliberais e absolutistas con programas inspirados nas institucións do Antigo Réxime: monarquía absoluta e conservación da preponderancia da Igrexa, resumidos no lema “relixión, rei e foros”. O carlismo arraigou sobre todo no norte da Península, en Galicia, País Vasco, Navarra, Aragón e Catalunya, zonas opostas á política centralizadora e uniformadora dos Borbóns.
Antecedentes históricos do carlismo
Os antecedentes do carlismo pódense dividir en legais, históricos e ideolóxicos. Os primeiros refírense aos documentos que garantían a sucesión á coroa española. O problema sucesorio tivo a súa orixe na Lei Sálica, promulgada por Filipe V en 1713, que excluía as mulleres da sucesión á coroa. As Cortes de 1789 e Carlos IV derrogárana, pero este acordo nunca chegou a ser publicado. Fernando VII, sen descendencia masculina, publicou a Pragmática Sanción de 1830 que promulgaba o acordo de 1789 e presupoñía a sucesión da súa filla Isabel. Os partidarios de Carlos María Isidro negáronse a aceptala considerando que Fernando VII non tiña potestade xurídica suficiente para adoptar este acordo sen acudir ás Cortes. Os antecedentes históricos do carlismo foron a Rexencia de Urgell, a sublevación dos Malcontents e o movemento dos Apostólicos, que xa postulara a candidatura de Carlos María Isidro e defendía o absolutismo, en oposición ao aperturismo liberal dos últimos anos de Fernando VII. En Galicia desenvolveuse dende 1823 o corpo dos Voluntarios Realistas, defensores do absolutismo e do realismo. Os seus membros pertencían á fidalguía e á nobreza e estaban dirixidos por un membro do clero de tendencia absolutista. No eido ideolóxico os carlistas opúñanse ao liberalismo, que pretendía a venda dos bens comunais e eclesiásticos, feito que ameazaba a supervivencia dos pequenos propietarios rurais. Por outra banda, a desamortización de Mendizábal en 1836 facilitou a adquisición de antigos inmobles eclesiásticos por parte da burguesía e dos terratenentes acomodados e provocou que a maioría dos eclesiásticos se decantasen polo carlismo. A influencia clerical afectou ás formulacións doutrinais e á táctica política do carlismo, dominada polas intrigas e a ineptitude da camarilla que rodeaba a Carlos María Isidro. O carlismo non atopou en Galicia un grande apoio por parte do campesiñado, pero si do clero e dos sectores da fidalguía vinculados á Igrexa e á terra. En relación con outras zonas a porcentaxe de participación do campesiñado, o 34%, non foi moi elevada debido ás condicións propias do campo galego: o campesiñado debía defender a posesión da terra e a renda imposta sobre ela de xeito que non variase. O 24% dos carlistas galegos pertencían ao clero, que intentaba non quedar desposuído do seu poder temporal. A participación dos distintos grupos da fidalguía (27%) non foi uniforme; os rendistas, vinculados á terra, foron os que tiveron un maior interese e unha maior participación, interesados na permanencia dos seus privilexios. Os restantes grupos tiveron menor participación: un 10% dos comerciantes e só un 3 % dos militares.
Desenvolvemento político do carlismo
Unha vez morto Fernando VII o 29 de setembro de 1833, comezou unha insurrección armada en favor de Carlos María Isidro, proclamado rei co nome de Carlos V, que desembocou na Primeira Guerra Carlista (1833-1839). Os realistas galegos mantiñan contacto co infante don Carlos, refuxiado en Portugal dende marzo de 1833. Entre eles figuraba Nazario Eguía, capitán xeneral de Galicia ata 1832. Nesa data substituíuno Pablo Morillo, que non puido evitar que, tralo fracaso do alzamento carlista de Lugo, se creasen partidas espalladas por todo o territorio como as de Antón López ou Xoán e Francisco Martínez Villaverde. A fatiga creada por seis anos de insurrección militar provocou finalmente o recoñecemento de Isabel II por parte do sector máis moderado do carlismo, aproveitando as posibilidades que ofrecía o Convenio de Bergara de 1839. En 1845 Carlos María Isidro renunciou ás súas pretensións e transmitiullas ao seu fillo Carlos Luís de Borbón e Braganza (1818-1861), que asumiu o título de Carlos VI e conde de Montemolín. A situación semellaba propicia para a conciliación dinástica, atenuadas as diferencias ideolóxicas despois da ascensión ao poder dos moderados en 1843 que inauguraron un período de tranquilidade pública e de garantías para a Igrexa e a propiedade. Nese momento, algúns intelectuais tradicionalistas propuxeron o matrimonio entre a Raíña Isabel II e Carlos VI como solución ao conflito dinástico. O fracaso deste proxecto creou as condicións políticas idóneas para un novo enfrontamento bélico, a Segunda Guerra Carlista, chamada Guerra dos Matiners ou dos Madrugadores (1846-1849). A participación dos carlistas galegos foi menor e estivo localizada en Lugo e Santiago. Trala fin da guerra houbo novos levantamentos: a insurrección montemolista de 1855 e a Ortegada de 1860. Morto Carlos Luís sen fillos (1861), sucedeuno o seu irmán, Xoán Carlos de Borbón e Braganza, conde de Montizón (1822-1887). Ao fracasar no intento de pactar con Isabel II a chegada ao trono por vías non violentas, renunciou aos seus dereitos en 1862. En 1864 a princesa de Beira, muller de Carlos V e nai de Xoán, proclamou como rei o seu neto Carlos, tendo en conta que era superior o principio de lexitimidade que o exercicio do dereito de herdanza. Obtivo os dereitos do seu pai en 1868 e contabilizárono os carlistas como rei entre 1861 e 1868 co título de Xoán III. Carlos María das Dores de Borbón e Austria-Leste (1848-1909), conde de Madrid, Carlos VII na numeración carlista, asumiu a dirección do movemento na Revolución de Setembro de 1868. Nestes anos o carlismo seguiu dúas direccións: a vía política, que pretendía a participación no Parlamento, e a vía militar, baseada nas accións bélicas. Unha boa parte da dereita católica, ata entón adherida a Isabel II, uniuse ao carlismo pero introduciu unha dirección favorable á clase dominante máis inmobilista. Deste sector formaron parte intelectuais como Francisco Navarro Villoslada, Ramón Nocedal e Antonio Aparicio, inspiradores da ideoloxía e da táctica do carlismo baixo Carlos VII. En 1869 acudiron ás eleccións como forza política unida e obtiveron 20 deputados en toda España. En 1871, os carlistas unidos aos republicanos acadaron en Galicia 5 deputados dos 51 conseguidos en toda España. Finalmente, en 1872 sumáronse a esta unión os radicais e só obtiveron un deputado en Galicia dun total de 38. A pesar da diminución na presenza parlamentaria, o pretendente puido iniciar en 1872 a Terceira Guerra Carlista (1872-1876), que coincidiu coa crise política producida a raíz da entronización de Amadeo I de Savoia. En Galicia o clero foi o encargado de mobilizar novamente as partidas, ao mesmo tempo que apoiaba as reivindicacións populares contra as quintas militares e o aumento nas contribucións. A proclamación de Afonso XII, fillo de Isabel II, como rei o 29 de decembro de 1874, propiciou que os católicos conservadores abandonasen o carlismo e determinou en boa parte a perda da guerra (febreiro de 1876). Tralo triunfo dos afonsinos, Cándido Noceda, antigo xefe dos carlistas no Parlamento, que durante a guerra atenuara o seu confesionalismo e incrementara a orientación rexionalista do movemento, ocupouse da reorganización do partido. Ao morrer Noceda en 1885, o carlismo sufriu a disidencia dos chamados integristas de extrema dereita en 1888. Dirixidos por Ramón Nocedal, proclamaron o reinado de Cristo e prescindiron do rei. En 1909 Carlos VII foi sucedido polo seu fillo Xaime de Borbón-Parma (1870-1931), duque de Madrid, co nome de Xaime III. Produciuse entón unha nova escisión do partido, da man de Xoán Vázquez de Mella, que concentrou o sector máis reaccionario. De tendencia xermanófila durante a Primeira Guerra Mundial, adoptou o nome de Partido Tradicionalista en 1919 e opúxose á ditadura de Primo de Rivera (1923-1930). A morte de Xaime III en 1931 e a instauración da Segunda República facilitaron a unión das tres seccións carlistas (ortodoxa, integrista e tradicionalista), nun partido que tomou o nome de Comunión Tradicionalista Carlista. Ao mesmo tempo, a pretensión dinástica recaeu sobre Afonso Carlos de Borbón e de Austria-Leste (1849-1936), irmán de Carlos VII, que tomou o nome de Afonso Carlos I. De mentalidade integrista, deu paso a un grupo de novos carlistas dirixidos por Manuel Fal Conde. Participaron na conspiración contra a República mediante a organización dos requetés, activos principalmente en Navarra e Catalunya durante a Guerra Civil (1936-1939). O decreto de Unificación do 19 de abril de 1937 uniu o partido carlista cos outros da España nacional nun movemento político único: a Falange Española Tradicionalista y de las JONS. Fal Conde, oposto a esta decisión, exiliouse a Portugal. O conflito sucesorio abriuse de novo ao morrer Afonso Carlos I sen descendencia. Designado rexente o príncipe Xavier de Borbón-Parma (1889-1977), a maioría adheriuse a el; non obstante pequenos sectores decantáronse por Xoán de Borbón e Battemberg (1913-1993), fillo de Afonso XIII, ou por Carlos de Habsburgo (1909-1953), neto de Carlos VII, que tomou o nome de Carlos VIII. En 1952 o rexente foi proclamado rei polos seus seguidores e o sector vinculado aos Parma emprendeu un importante xiro organizativo e ideolóxico que o levou a constituír en 1965 o Partido Carlista, definido como socialista e abertamente oposto ao réxime de Franco. En 1975 Xavier de Borbón-Parma cedeu os seus dereitos ao seu fillo Carlos Hugo de Borbón-Parma (1930). Os antigos colaboracionistas do franquismo agrupáronse en 1974 na Hermandad del Maestrazgo e, presididos por Ramón Forcadell, apoiaron á monarquía de Xoán Carlos I desde posicións católico-conservadoras. Un núcleo integrista centrado en Catalunya, dirixido desde 1958 por Maurici de Sivatte i de Bobadilla, rexeitou a autoridade de Xavier de Borbón-Parma e creou a Regencia Nacional y Carlista de Estella, reorganizada en 1978 co nome de Unión Carlista. A Comunión Tradicionalista, facción extremista dirixida por Sisto de Borbón-Parma (1940), adquiriu certa notoriedade tralos sucesos de Montejurra de 1976. Na tradicional concentración carlista, non autorizada, enfrontáronse os partidarios de Carlos Hugo e Sisto de Borbón-Parma co balance de dous mortos e numerosos feridos. O Partido Carlista, que tivera unha presenza pública durante a transición democrática, entrou en 1980 nunha crise irreversible que posibilitou, entre 1984 e 1985, o reagrupamento das diversas familias carlistas baixo pautas máis tradicionais como o catoliscimo, o foralismo ou o corporativismo.
O carlismo na literatura
O carlismo atopou a súa manifestación literaria na obra de Ramón María del Valle-Inclán (1866-1936), fundamentalmente na triloxía novelística La guerra carlista (Los cruzados de la Causa, 1908; El resplandor de la hoguera, 1909; e Gerifaltes de antaño, 1909), acollida con entusiasmo pola prensa do partido carlista, na inconclusa La corte de Estella e na peza dramática Voces de gesta (1911), onde o tema se trata en clave simbólica, ademais das múltiples alusións e referencias na Sonata de inverno, que pola súa temática bélica e ambientación en Estella abriu o camiño á triloxía, e nas Comedias Bárbaras (1907-1922). En todas elas, a oposición constante entre carlistas e liberais en favor dos primeiros, busca socavar os principios do estado constitucional, burgués e liberal, que representaba a monarquía borbónica. O carlismo, como forza minoritaria e radical, converteuse na fórmula que permitiu ao autor plasmar o seu desacordo coa política e a sociedade do momento.