Carlistas, Guerras
Conxunto de acontecementos bélicos motivados pola designación de Isabel II como raíña de España e sucesora de Fernando VII, que enfrontou os seus partidarios e os do infante Carlos María Isidro de Borbón. Entre 1833 e 1876 tiveron lugar tres guerras carlistas ademais doutros feitos revolucionarios.
Primeira Guerra Carlista (1833-1839)
Guerra civil, tamén chamada dos Sete Anos, motivada polo conflito sucesorio suscitado ao morrer Fernando VII. A causa principal da guerra foi a división do país en absolutistas, que apoiaban a causa do infante Carlos María Isidro de Borbón (Carlos V para os carlistas), irmán de Fernando, e en liberais, agrupados ao redor de Isabel II, filla de Fernando e María Cristina de Borbón, representada pola súa nai como raíña gobernadora e rexente durante a súa minoría de idade. De aquí os nomes de carlistas e isabelinos, ou cristinos, asignados a uns e outros. O mundo rural era absolutista, pero non tivo a forza necesaria para manifestarse dun xeito efectivo. Tamén era carlista o clero regular e boa parte do secular. Os absolutistas dispuxeron dos voluntarios realistas, que ao final da Década Ominosa constituían unha forza que chegaba aos 120.000 homes. A guerra foi o resultado dun conflito entre grupos sociais nun momento de cambio: afundíase o Antigo Réxime e nacía o liberalismo. O levantamento carlista produciuse a medida que se difundiu a noticia da morte de Fernando VII o 29 de setembro de 1833. A reacción do goberno foi inmediata e eficaz: as prazas insurrectas foron ocupadas e as primeiras partidas dispersadas. Pero o 14 de novembro dese mesmo ano, o xeneral Tomás Zumalacárregui tomou o mando das forzas carlistas e obrigou os liberais a abandonar case toda Navarra, incluída Pamplona. O 10 de xaneiro de 1834 o pretendente lanzou unha proclama aos galegos na que pedía a súa colaboración e na que se entregaba a dirección do levantamento a Antonio López, antigo oficial do exército. Os dirixentes galegos trataron de organizar unha sublevación que debería ter lugar en Lugo o 18 de febreiro de 1834, pero o seu fracaso levou á creación de partidas ou guerrillas. A necesidade de obter unha vitoria brillante que permitise financiar a loita obrigou a Zumalacárregui a asediar Bilbao (19 de xuño de 1835); poucos días despois morreu e os carlistas tiveron que levantar o sitio (1 de xullo). Polo tratado da Cuádruple Alianza (1835) Isabel II obtivo o respaldo de Francia, Gran Bretaña e Portugal. As tropas francesas procedentes de Alxeria e a lexión británica de George Lacy Evans axudaron as tropas de Espartero a romper o sitio de Donostia (maio de 1836) e loitaron na Batalla de Oriamendi o 16 de marzo de 1836. Xunto aos carlistas loitaron lexitimistas franceses e oficiais prusianos. Carlos V foi recoñecido por Sardeña e as Dúas Sicilias. O Vaticano, Austria, Rusia e Prusia mantíñanse á expectativa, aínda que simpatizaron coa causa carlista. Desde o primeiro momento a guerra caracterizouse pola gran dureza de ambos os dous bandos. Vicente Quesada, ao fracasar o seu intento de negociar con Zumalacárregui, comezou a utilizar un sistema de represalias (abril de 1834), inmediatamente correspondido polo líder carlista. Morto Zumalacárregui, a dirección das tropas carlistas pasou ao xeneral Vicente González Moreno, que foi derrotado por Luís Fernández de Córdoba en Mendigorría o 16 de xullo de 1835. A situación política dos cristinos e o propósito de crear unha fronte unida desde Galicia ata Catalunya, levaron os carlistas a organizar diversas expedicións. Entre elas destaca a de Miguel Gómez, que entre xuño e decembro de 1837 chegou dende Asturias e Galicia, a través de León e das dúas Castelas, ata Andalucía e Extremadura. O debilitamento do exército cristino do norte, que enviou forzas en persecución de Gómez, permitiu aos carlistas un novo intento de tomar Bilbao, pero foron derrotados na Batalla de Luchana por Espartero, sucesor de Fernández de Córdoba (24 de decembro de 1837). Este éxito converteu a Espartero na primeira figura militar do partido cristino. En Catalunya, a acción enérxica de Espoz e Mina reduciu a actividade carlista. Dende Navarra intentouse dar un novo golpe de forza organizando unha marcha cara a Madrid, a Expedición Real, que entre maio e outubro de 1837 percorreu a Península, pero o seu fracaso significou un paso atrás na causa carlista. No Maestrazgo, Cabrera tomou Morella o 26 de xaneiro de 1838 e fíxoa capital da súa administración. O fracaso da Expedición Real e o cansazo dos combatentes aumentaron a desmoralización dos carlistas e as loitas de partido. Rafael Maroto foi nomeado líder do exército e posteriormente foi destituído, tras mandar fusilar diversos dirixentes carlistas en febreiro de 1839, entre eles o seu antecesor Guergué. A pesar da oposición de Carlos V, foi Maroto quen, co apoio do exército negociou con Espartero o Convenio de Bergara, que significou o final da guerra na maior parte de España. En Galicia foi a Junta Suprema Carlista de Galicia, de carácter honorífico, a encargada de realizar as negociacións que puxeron fin á guerra. O fracaso destas negociacións rematou coas actividades bélicas en decembro de 1839. O pretendente carlista, que nunca aceptou o Convenio, marchou a Francia o 31 de agosto de 1839 seguido por algúns dos seus fieis. A guerra continuou en Catalunya. Espartero reuniu entón todas as súas forzas e enfrontouse a Cabrera. Ocupou Morella o 30 de maio de 1840 mentres o seu opoñente se retiraba co seu exército ata atravesar a fronteira o 6 de xullo.
Segunda Guerra Carlista (1846-1849)
Segundo enfrontamento carlista que recibiu tamén o nome de Guerra dos Matiners ou dos Madrugadores. Comezou en setembro de 1846 e prolongouse ata maio de 1849. Máis que unha guerra estritamente carlista foi unha revolta catalá contra a ditadura dos moderados, dirixidos por Ramón María de Narváez, e contra unha serie de medidas (quintos, aranceis, etc). Nela participaron progresistas e republicanos, ademais dos carlistas, chamados nesa época montemolinistas. O fracaso do proxecto de unir as dúas ramas borbónicas co casamento entre Isabel II e Carlos Luís de Borbón e Braganza, conde de Montemolín, fillo e sucesor de Carlos V, fracasou e creou as condicións políticas para a revolta. A guerra comezou en setembro de 1846 co levantamento de Benet Tristany en Solsona, que lideraba unha facción de trescentos homes. Divididos en partidas pouco numerosas, os montemolinistas levaron a cabo unha grande actividade. A diferenza do que ocorreu durante a primeira guerra, o comportamento dos carlistas foi bastante moderado, en contraste coa dureza da represión gobernamental. O levantamento catalán tivo os seus ecos en Galicia, onde se crearon partidas e guerrillas que fracasaron. En agosto de 1847 o exército do goberno contaba con corenta e dous mil homes, fronte aos dous mil dos montemolinistas. A finais de 1847, Pavía anunciou a pacificación de Catalunya tal como desexaba Narváez. Aínda que a guerra diminuíu a súa intensidade, non chegou a rematar e reiniciouse en abril de 1848, cando Josep Margoret entrou en Catalunya e asumiu o mando das forzas montemolinistas. Mentres, Ramón Cabrera entraba o 23 de xuño por Oceja, feito que deu pulo á loita. Pero a guerra non cambiou de xeito substancial: algunhas das accións máis efectivas dos carlistas se contrarrestaron polas vitorias gobernamentais e polo fracaso do levantamento fóra de Catalunya. Se a milicia organizada polo goberno case non deu resultado, a política de atraer e subornar a algúns dirixentes montemolinistas resultou eficaz. En xaneiro, mentres derrotaron a Ametller en Vajol, Concha atacou o reduto principal de Cabrera (as Guilleries e o val de Hostoles), quen derrotou as columnas de Hore (nas Planes) e Ruiz, aínda que o día seguinte o derrotaron e feriron (acontecementos do Pasteral). A detención do pretendente carlista por parte dos aduaneiros cando intentaba entrar en Catalunya (4 de abril) desanimou os seus partidarios e o 26 de abril Cabrera marchou a Francia. O 14 de maio os últimos montemolinistas atravesaron a fronteira ou entregáronse aos gobernamentais.
Os enfrontamentos de 1855 e 1860
Entre 1855 e 1856 produciuse un enfrontamento que intentou rebentar a situación política creada pola Revolución de 1854. A insurrección produciuse simultaneamente en Araba, Navarra, Baixo Aragón, Maestrazgo e Catalunya. A acción das columnas gobernamentais e da milicia nacional obrigou os carlistas a dispersarse e a retirarse a Francia despois dunha serie de derrotas. En 1860 tivo lugar unha nova revolta carlista coñecida como a Ortegada. O xeneral Jaime Ortega y Olleta dirixiuse dende as Illes Balears ata València, pero descubrírono e fusilárono.
Terceira Guerra Carlista (1872-1876)
Guerra civil iniciada polos partidarios do pretendente carlista Carlos María das Dores de Borbón, Carlos VII. Este, herdeiro en 1868 dos dereitos do conde de Montemolín, aproveitou a situación de interinidade xurdida da Revolución de Setembro de 1868 e o fracaso carlista nas eleccións de 1872, e fixo pública en Xenebra unha declaración de guerra o 15 de abril. Os escenarios principais da guerra foron o País Vasco (chamado o Norte), Catalunya e, secundariamente, o Maestrazgo (chamado o Centro). En Galicia o levantamento víñase preparando dende 1869, sobre todo na fronteira portuguesa. Trala declaración de guerra de Carlos VII comezou a creación das primeiras partidas que se estenderon dende Ourense por todo o territorio. A primeira fase da guerra foi adversa aos carlistas e algúns dos seus dirixentes acolléronse ao Convenio de Amorebieta. A guerra recibiu un novo pulo cando se proclamou a República en febreiro de 1873 e cando se uniron aos carlistas diversos sectores monárquicos. Antonio Dorregaray, nomeado comandante en xefe do País Vasco, asumiu a iniciativa das operacións. O pretendente entrou en Navarra en xullo de 1872. O xefe do exército republicano do Norte, Domingo Moriones, intentou inutilmente romper as liñas carlistas e a guerra desenvolveuse, en xeral, como a primeira. Os carlistas comezaron o sitio de Bilbao en decembro de 1873, para abandonalo uns meses despois. En Catalunya repetiuse a falta de acordo entre os dirixentes carlistas, pero as súas forzas obtiveron éxitos, en parte debidos á maior indisciplina das forzas republicanas. No Maestrazgo a loita non chegou a ter tanta importancia como na primeira guerra, aínda que ao comezo de 1875 os carlistas contaban con máis de 10.000 homes e case un milleiro de cabalos. A situación caracterizábase polas diferencias e rivalidades entre os xefes carlistas e polo reducido dos seus efectivos. A caída da base carlista de Cantavella o 6 de xullo de 1875 completou a desmoralización dos carlistas que se tiveron que refuxiar en Catalunya. A proclamación de Afonso XII o 29 de decembro de 1874 reagrupou ao redor do novo réxime a maioría das forzas conservadoras. A guerra en Catalunya aínda obtivo algún éxito e durou case un ano máis. O 19 de novembro de 1875 Martínez Campos deu por rematada a loita en Catalunya e liberou os carlistas apresados en Barcelona. Moitos deles pasaron daquela a reforzar o exército do Norte, onde a guerra continuaba. No inverno tivo lugar a ofensiva xeral do goberno ata que trala perda de Estella, o 27 de febreiro de 1876, Carlos VII marchou a Francia por Arnegi, mentres Afonso XII entraba en Pamplona.