Carlos I

Carlos I

Emperador romano-xermánico (1519-1556), rei das coroas de Castela (1516-1556) e Aragón (1516-1556), Nápoles (Carlos IV, 1516-1556) e Sicilia (Carlos II, 1516-1556); duque de Borgoña (Carlos II, 1506-1555, soberano do ducado estricto só entre 1526 e 1529) e arquiduque de Austria (Carlos I, 1519-1556). Fillo do arquiduque de Austria Filipe o Fermoso e de Xoana I a Tola. En 1506, á morte do seu pai, herdou os Países Baixos, Luxemburgo, Artois, o Franco Condado, Flandres, Borgoña e Charolais, e en 1516, ao morrer Fernando II, herdou o goberno efectivo das coroas de Castela e Aragón, xuridicamente en mans da súa nai, Xoana. Proclamado rei en Bruxelas, en 1516 emprendeu unha viaxe á Península acompañado polos seus conselleiros borgoñóns e aragoneses. En 1518 tiveron lugar as Cortes de Valladolid, nas que se solicitou que os estranxeiros non ocupasen os cargos políticos, e as Cortes de Aragón, nas que xurou os foros do reino e recibiu o xuramento delas; finalmente, en 1519 recibiu o xuramento das cortes catalanas. Á morte do seu avó, o Emperador Maximiliano I, herdou as posesións dos Habsburgo en Austria e no Rin e comezou as súas xestións como candidato ao Imperio. En 1519 foi elixido emperador. Para sufragar os gastos da viaxe da coroación imperial a Aquisgrán, convocou Cortes en Santiago de Compostela en marzo de 1520. Alí os representantes de Galicia pediron o voto en Cortes para este reino, petición que foi denegada. Entre abril e maio as Cortes trasladáronse á Coruña, momento no que se dotou ao rei dunha asignación para a viaxe. O rei comprometeuse a non nomear estranxeiros para os cargos aínda que xa situara a Adriano de Utrecht como rexente de Castela. Nesa ocasión solicitouse a instalación dunha Casa de Contratación na cidade herculina. Seguindo a liña política iniciada por Maximiliano I, Carlos V asignou a xurisdición de feito sobre todos os asuntos do Imperio ao Consello de Borgoña. Sen convocar as Cortes en València, regresou aos Países Baixos, feito que provocou desconfianza entre a nobreza. Pouco despois desatouse en València a revolta antiaristocrática das Xermanías (1519-1522), que se estendeu a Catalunya (1520), Aragón e Mallorca (1520-1523), mentres comezaba a revolta dos comuneiros de Castela (1520-1521) polo desacordo coa política real de saída de ouro e de asignación de cargos a estranxeiros. A crise superouse grazas á alianza do rei coa aristocracia latifundista. En decembro de 1520 reuniuse en Melide a nobreza galega, ocasión na que se volveron solicitar as mesmas peticións que novamente foron rexeitadas. En 1532 creouse a Casa de Contratación da Coruña, asemblea na que os nobres galegos manifestaron a súa oposición aos comuneiros. Castela foi sometida no 1521, València no 1522 e Mallorca no 1523. Ao mesmo tempo, Carlos, coroado emperador en Aquisgrán, organizou os seus territorios segundo un concepto patrimonial, como entidades independentes gobernadas baixo as súas propias leis e os seus propios intereses como entidades asociadas. En Alemaña organizou un Consello de Rexencia nas dietas de Worms (1521) e en 1522, polo Tratado de Bruxelas, cedeu ao seu irmán Fernando os territorios austríacos, despois de nomealo o seu representante no Imperio. En Flandres nomeou rexente á súa tía Margarida de Austria e creou como autoridade suprema o Gran Consello de Malines (1522). Entre 1522 e 1529, durante a súa estadía nos reinos de Castela e Aragón, introduciu algunhas reformas: creou o Consello de Finanzas (1523), o Consello da Cámara e o Consello de Indias (1524). En 1523 dividiu as funcións de vicechanceler da coroa aragonesa en tres cargos, un para o Principado de Catalunya e os reinos de Mallorca e Sardeña, outro para o de València e outro para o de Aragón, e estableceu o costume de convocar as Cortes en Monzón para os tres reinos. Os asuntos estranxeiros xestionounos persoalmente Carlos V, asesorado polo Consello de Estado, que tiña entre os seus membros máis influíntes a Gattinara, Enrique de Nassau e Francisco de los Cobos; os asuntos italianos foron organizados por Hugo de Montcada. En 1527 creou un Consello Secreto que se converteu no órgano principal do goberno imperial. Entrementres, a rivalidade entre Carlos V e Francisco I de Francia polos ducados de Borgoña e Milán cristalizou na invasión francesa do Roselló e de Navarra, coas ofensivas en Tournai e no norte de Italia, e rematou coa vitoria imperial de Pavia en 1525, onde fixeron prisioneiro a Francisco I. Polo Tratado de Madrid (1526), Francisco I foi liberado a cambio de renunciar ás súas pretensións en Italia e Flandres e entregar Borgoña ao emperador. A loita retomouna a coalición da Liga de Cognac (1526) e culminou co saqueo de Roma por parte das tropas imperiais en 1527. En 1528, os franceses invadiron o Milanesado e sitiaron Nápoles e o feito de que Andrea Doria, ata entón ao servizo de Francisco I, puxese a súa flota ao servizo de Carlos I facilitou a derrota do exército francés en Nápoles. A paz, negociada con Clemente VII, asinouse en Barcelona en 1529, ao mesmo tempo que a Paz de Cambrai. Ante a expansión do protestantismo en Alemaña, o emperador seguiu unha política inicial de compromiso e de pacificación, manifesta na Dieta de Augsburgo de 1530. Con todo, o acordo entre católicos e protestantes rompeu en 1531 coa formación da Liga de Esmalcalda. Ante a crecente ameaza turca, nomeou a súa irmá María de Austria rexente dos Países Baixos e proclamou o seu irmán Fernando rei dos romanos mentres preparaba unha expedición para enfrontarse contra a nova coalición franco-turca que rematou coa toma de Tunes en 1535 e a perda do ducado de Savoia pola Tregua de Niza. Carlos I, obrigado a resolver os problemas xermánicos, nomeou rexente de Castela o seu fillo Filipe, que gobernou de feito desde 1543 e en 1554 recibiu o Reino de Nápoles e o ducado de Milán. En 1541 retomou a guerra con Francia e Turquía; mentres os turcos se apoderaban de Budapest, Francisco I, axudado pola escuadra otomana con base en Niza, venceu en Arxel (1541). Polo Tratado de Crêpy de 1544 rematou a guerra e Carlos I puido dedicarse a resolver os problemas xermánicos, alentados sobre todo polos protestantes, cos que buscou unha solución de compromiso. Despois de derrotalos en Mühlberg en 1547, impuxo na Dieta de Augsburgo de 1548 o ínterim que facía pequenas concesións aos protestantes. Estes, sen embargo, buscaron a axuda de Enrique II de Francia e venceron o emperador. O Tratado de Passau (1552) e a Paz de Augsburgo (1555) estableceron de xeito definitivo a ruptura. Despois dun intento infrutuoso de Carlos I por recuperar Metz (1554), asinouse a Tregua de Vaucelles en 1556. As dificultades económicas e o fracaso dos tres obxectivos fundamentais da súa política, a recuperación de Borgoña, a derrota do poder turco e a reconstitución da unidade relixiosa de Alemaña, incitárono a retirarse. No 1555 dimitiu da soberanía do Vélaro de Ouro e cedeu os Países Baixos ao seu fillo Filipe, que recibiu, tamén en xaneiro do 1556, as coroas de Castela e Aragón. En setembro puxo o Imperio en mans do seu irmán Fernando e retirouse a Yuste, onde morreu. Durante o seu reinado, o Reino de Galicia experimentou unha revitalización do comercio e se crearon en 1528 as Xuntas do Reino. A nivel cultural destaca a fundación da Universidade de Santiago de Compostela por Alonso de Fonseca en 1525.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Gante, Flandres

  • Deceso

    Lugar : Yuste