Carlos I de Inglaterra

Carlos I de Inglaterra

Rei de Inglaterra, Escocia e Irlanda (1625-1649). Fillo de Xaime I, que se converteu no sucesor trala morte do seu irmán Enrique en 1612. Entre 1614 e 1623 negociou o seu casamento coa infanta María, filla de Filipe III de España, pero finalmente casou en 1625 coa católica Enriqueta de Francia, irmá de Luís XIII. Defensor dos dereitos da monarquía derivados da súa orixe divina, estivo constantemente en conflito co Parlamento. A intención do monarca de impoñer o anglicanismo a puritanos e presbisterianos e as sospeitas de complicidade cos católicos foron outros factores de tensión. Ao non lograr a financiación necesaria para formar un exército permanente baixo control real e sufragar as empresas contra Francia e España, disolveu o Parlamento dúas veces en 1625 e 1626, e convocou unha terceira lexislatura en 1628 co que obtivo a Petition of Right. Despois do asasinato do seu favorito, o duque de Buckingham, disolveu novamente o Parlamento en 1629 e gobernou ata 1640 como rei absolutista, a través dun consello privado e dos seus asesores, o conde de Strafford e o conde de Williamland. En 1634 estableceu o Ship Money, imposto para o mantemento da armada, e en 1637 impuxo a liturxia anglicana en Escocia. A unión da oposición presbiteriana (National Covenant) e as guerras entre Escocia e Inglaterra (1638-1639 e 1640-1641) motivaron unha guerra civil en Inglaterra. En 1640 Carlos I convocou o Parlamento en dúas ocasións: no Parlamento Curto, abril­maio de 1640, demandou subsidios e no Parlamento Longo, a partir de novembro de 1640, a oposición, dirixida por Pym, conseguiu a destitución e o procesamento dos principais colaboradores do rei, a quen lle impuxo a renuncia a poder disolver o Parlamento sen o consentimento do propio organismo. O rei decretou entón o encarceramento de diversos dirixentes da oposición, feito que orixinou o levantamento de Londres e que o obrigou a fuxir da capital. O rei contou co apoio dos membros da nobreza, mentres que os comerciantes e os pequenos propietarios rurais seguiron a causa dos parlamentarios; estes, baixo a dirección militar de Oliver Cromwell, conseguiron vitorias decisivas en Marston Moor (1644) e Naseby (1645). En 1646 o rei refuxiouse en Escocia e en 1647 foi entregado ao Parlamento, que o xulgou e o decapitou no palacio de Whitehall (Londres).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Dunfermline, Escocia

  • Deceso

    Lugar : Londres