Carlos II o Enfeitizado

Carlos II o Enfeitizado

Rei das coroas de Castela e Aragón (1665-1700), último da dinastía dos Habsburgo. Fillo do segundo matrimonio de Filipe IV de Castela coa súa sobriña Mariana de Austria, que ocupou a rexencia entre 1665 e 1675 durante a súa minoría de idade. A rexente confiou o poder ao xesuíta Johannes Everard Nithard e posteriormente a Fernando Valenzuela. O seu reinado presidiu a fase decadente da monarquía dos Habsburgo e do Imperio Hispánico. No ámbito internacional, a época de Carlos II caracterizouse por unha actitude defensiva ante o imperialismo francés, feito que motivou diversos enfrontamentos bélicos nos Países Baixos: a Guerra de Devolución (1667-1668), que provocou o recoñecemento da independencia de Portugal en 1668; a Guerra de Holanda (1672-1678) e a Guerra da Liga de Augsburgo (1689-1697). A guerra con Portugal tivo como un dos seus escenarios Galicia, xa que en 1665 o exército portugués penetrou no Rosal coa intención de chegar ata Vigo. Foi o momento da creación do segundo Batallón Literario en Santiago de Compostela. As hostilidades na fronteira galaico-portuguesa finalizaron en 1667. A persistencia dun ideal imperialista insostible levou a rexeitar a oferta francesa de retrocesión do Roselló, Conflent e a Cerdaña ocupada, e a posibilidade de recuperar Portugal, a cambio dos Países Baixos, Artois, Luxemburgo e do Franco Condado. As continuas guerras, as cesións aos Países Baixos e a perda do Franco Condado pola Paz de Nimega (1678), levaron a Castela ao seu afundimento. Desde 1688, data na que Inglaterra se converteu no núcleo das coalicións contra Francia, Luís XIV desviou os seus esforzos cara á sucesión da coroa hispánica, ante a precaria saúde e a falta de descendencia do monarca. Na Paz de Rijswick (1697), Luís XIV renunciou ás conquistas feitas; mentres, a través do seu embaixador de Madrid, procuraba crear na corte un partido favorable a unha sucesión francesa ao trono. Por outra banda, o rei francés, que en 1668 xa asinara un tratado de partición dos dominios hispánicos co Emperador Leopoldo I, firmou un novo na Haia con Inglaterra e Holanda en 1698. Austria rexeitou convencida da elección como sucesor do arquiduque Carlos, fillo de Leopoldo I e bisneto de Filipe III. Carlos II, indignado por este Tratado, dispuxo no seu testamento, asinado en 1698, a sucesión a favor do príncipe Xosé Fernando de Baviera, que morreu prematuramente en 1699. A pesar da presión da súa dona, Mariana de Neoburgo, e do embaixador austríaco, o rei testou, o 3 de outubro de 1700, en favor de Filipe de Anjou, neto de Luís XIV e bisneto de Filipe IV. Trala morte do monarca comezou a Guerra de Sucesión pola coroa española. Como sucedera co seu pai, durante o reinado de Carlos II creáronse numerosos títulos nobiliarios galegos.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Madrid

  • Deceso