Carlos III o Político

Carlos III o Político

Duque de Parma e de Plasencia (1731-1735), rei de Nápoles (1734-1759) e de España (1757-1788). Primoxénito do segundo matrimonio de Filipe V con Isabel de Farnesio. Foi coroado rei de Nápoles en Palermo (1734), pero ao morrer o seu medio irmán Fernando VI sen fillos, herdou o trono de España (1759) e entregoulle o de Nápoles ao seu fillo Fernando. Levou a Madrid a algúns dos ministros máis competentes que o asesoraran en Nápoles, como Esquilache e Grimaldi, e confioulles misións de goberno. Esforzouse por introducir en Madrid a salubridade e acondicionou a cidade. Algunhas das novas medidas que tomou o goberno, xunto co encarecemento dos víveres, provocaron o motín de Esquilache en 1766. Prescindiu do seu ministro e atribuíu o motín á acción dos xesuítas que foron expulsados en 1767 polo conde de Aranda. En 1773, unha bula papal extinguiu a Compañía. En política exterior asinou o Terceiro Pacto de Familia con Francia en 1761, e participou con ela na Guerra dos Sete Anos (1762). Polo Tratado de París (1763) perdeu Florida e recibiu de Francia Louisiana, pero non Menorca, que pasou novamente a mans de Inglaterra. En 1770 perdeu as illas Malvinas e o conde de Aranda foi nomeado embaixador en París. En 1775, o fracaso dunha expedición contra os piratas berberiscos do norte de África, provocou a destitución de Grimaldi e a concesión da secretaría de estado a Floridablanca. Loitou novamente no bando francés contra Inglaterra na Guerra de Independencia norteamericana para obter Xibraltar, sen éxito, e Menorca, que foi conquistada polo francés Crillon e pasou a mans de Carlos III a través do Tratado de Versailles (1783). O seu reinado destacou pola adhesión aos principais postulados do despotismo ilustrado; o monarca rodeouse de colaboradores competentes que fomentaron o progreso cultural e os coñecementos técnicos e científicos, creáronse as Sociedades de Amigos del País (a de Santiago de Compostela estableceuse en 1784), e a Junta de Comercio; limitouse a influencia da Igrexa e o poder da Inquisición; desenvolvéronse novos métodos de cultivo e de explotación agraria e colonizouse Sierra Morena; e en 1778 liberalizouse definitivamente o comercio con América, feito que permitiu unha relación directa entre os diversos portos e as colonias. Durante o seu reinado, Galicia mantivo unha economía rural a pesar da creación e instalación de pequenas industrias como as do liño. En 1763 promulgouse unha real orde sobre os foros e en 1765 fundouse a Academia de Agricultura. Toda Galicia, e especialmente o porto da Coruña, viuse beneficiada pola liberdade de comercio con América. En 1785 creouse o consulado da Coruña. No ámbito político, a centralización borbónica fixo diminuír o papel das Xuntas do Reino de Galicia.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Madrid

  • Deceso