Carlos Martel

Carlos Martel

Mordomo do pazo dos reis merovinxios, fillo de Pipino de Heristal e da súa concubina Alpaida. Trala morte do seu pai, no 714, asumiu o poder e desbancou os fillos lexítimos. Derrotou as tropas de Neustria nas Ardenas no 716 e en Cambrésis no 717, e venceu o duque de Aquitania que os axudaba en Soissons no 719. Entre os anos 722 e 724 loitou contra os saxóns de Hessen e Turinxia e suprimiu o ducado de Alamania no 730. No 732 ‘Abd al-Ra ḥ mān ibn ‘Abd Allāh al-Gafiqī, Emir de Al-Andalus, dirixiu unha expedición musulmá que, despois de ocupar Bordeos e atacar Poitiers, se dispuxo a avanzar sobre Tours. Derrotou os musulmáns preto de Poitiers en 732, marcando o límite setentrional da penetración musulmana. No 737 entrou en Aviñón e destruíu as fortificacións de Agde, Besiers e Magalona, pero non logrou capturar Narbonne. No 739 detivo unha nova incursión musulmá en Provenza. Impulsou a predicación de Bonifacio e Willibrord entre as tribos xermánicas, pero someteu a Igrexa franca á súa autoridade conferindo cargos eclesiásticos e cedendo as propiedades da Igrexa aos guerreiros. Cando morreu o rei merovinxio Teodorico IV, no 737, rexeitou a dinastía merovinxia e gobernou co título de princeps ou subregulus. Pouco antes de morrer repartiu o reino entre os seus fillos: Carlomán, o máis vello, recibiu Austrasia, Alamania e Turinxia e Pipino quedou con Neustria, Borgoña, Provenza e Aquitania.

Cronoloxía

  • Deceso

    Lugar : Quierzy