carmelita

carmelita

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente á orde dos carmelitas.

  2. [RELIX]
    1. s

      Membro da orde do Carme.

    2. s m pl

      Orde mendicante que tivo a súa orixe nun grupo de eremitas -cruzados e peregrinos- establecidos a mediados do s XII no monte Carmelo. A regra da orde foi redactada no ano 1209 por Alberto Avogadro, patriarca latino de Xerusalén, e confirmada por Honorio III en 1226. Os carmelitas erixiron unha capela dedicada á Virxe do Carme no monte Carmelo. Debido á presión islámica, a orde deixou Palestina e estendeuse por Europa desde mediados do s XIII. O xeneral da orde, Simón Stock, conseguiu do Papa Inocencio IV a aceptación da orde dentro dos mendicantes (1245) e a publicación da regra modificada. Tamén difundiu o culto a María e a devoción ao escapulario que, segundo o relato da visión que el tivera, a propia Virxe lle entregara. No 1432 Uxío IV, ante o relaxamento xeral, aprobou unha regra menos austera; pouco tempo despois comezou a dualidade entre os conventos de estrita observación e os conventuais ou mitigantes. A reforma máis importante foi a de santa Teresa de Xesús, que deu lugar á división da orde nas ramas dos carmelitas descalzos e a primitiva. Xa antes da reforma teresiana establecéranse, dependentes dalgúns conventos existentes, ermidas coñecidas co nome de desertos. O hábito dos carmelitas das dúas ramas é de cor castaña, con escapulario, capucha e capa branca.

    3. carmelitas da caridade

      Congregación relixiosa feminina dedicada á beneficencia (especialmente hospitais e asilos) e ao ensino, fundada en Vic en 1826 por santa Xoaquina de Vedruna e polo capuchino Esteve d’Olot. Contaron co apoio do bispo Corcuera de Vic e a colaboración de Antoni Maria Claret e de Llucià Casadevall na elaboración das constitucións. A congregación aprobouse canonicamente en 1870. Actualmente, está estendida por todo o mundo. En Galicia establecéronse na Guarda, Galegos (concello de Navia de Suarna), Vigo e Ourense, localidades onde desenvolven labores docentes en catro colexios dos que son titulares (dous en Vigo e un en Ourense e A Guarda), ademais de colaborar no programa Preescolar na casa, na comarca dos Ancares.

    4. carmelitas descalzos/reformados

      Rama da orde carmelita xurdida a partir da reforma levada a cabo por santa Teresa de Xesús e san Xoán da Cruz a partir de 1562, tanto nos conventos masculinos coma nos femininos. A pesar da dura oposición de amplos sectores, os conventos reformados constituíron unha provincia separada en 1580 protexidos por Filipe II; en 1593 aprobouse a súa independencia total. A orde dividiuse de seguida en dúas congregacións: a de España, ou de San Xosé, e a de Italia, ou de Santo Elías, que se reunificaron en 1875.

Palabras veciñas

carmeador -ra | carmear | Carmela | carmelita | carmelitano -na | Carmelo, monte | Carmen