Carnap, Rudolf

Carnap, Rudolf

Filósofo alemán. Profesor en Viena, Praga, Chicago, Princeton e Los Angeles. As orixes do seu pensamento están nalgúns dos postulados expostos polo Círculo de Viena: a constitución lóxica do mundo, o rexeitamento da metafísica, a sintaxe lóxica da linguaxe, a semántica e o exame da indución, que teñen como tema central o coñecemento científico e os problemas dunha filosofía metodolóxica dominada pola idea de exactitude e de corrección lóxico-formal. Intentou crear unha linguaxe xeral das ciencias. As súas teses iniciais baseáronse na afirmación de que os enunciados científicos eran analíticos ou empíricos e que eran significativos se podían ser verificables. Posteriormente, afirmou que o significado dun enunciado podía ser gradualmente confirmable e non verificable. Estudiou a semántica lóxica e concibiu a filosofía como o estudo da natureza da linguaxe da ciencia, entendendo que tiña que ter unha linguaxe rigorosa. As súas principais obras son Der logische Aufbau der Welt (A estrutura lóxica do mundo, 1928), Überwindung der Metaphysik durch logische Analyse der Sprache (A superación da metafísica a través da análise lóxica da linguaxe, 1934), The logical Syntax of Language (Sintaxe lóxica da linguaxe, 1937) e Studies in Semantics (Estudios de semántica, 1942-1947).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Wuppertal, Westfalia

  • Deceso

    Lugar : Santa Monica, California