Carniola

Carniola

[esloveno: Kranjska] Rexión do N da Península Balcánica, incluída na súa maior parte na República de Eslovenia. De relevo montañoso, preséntase accidentada ao N e ao NO polos Alpes de Karawanken e polos Alpes Xulianos, e ao S polas montañas de Uskok. A cidade máis importante e Ljubljana, capital de Eslovenia. Carniola formou parte da provincia da Panonia durante a dominación romana e foi ocupada polos eslovenos no s VI, que iniciaron a súa colonización. Máis tarde permaneceu sucesivamente baixo o dominio dos patriarcas de Aquilea (1077-1228), dos duques de Carintia e dos condes de Gorizia e Tirol. Anexionada á coroa dos Habsburgo no 1335, Rodolfo IV de Austria converteuna en ducado no 1365. Formou parte das Provincias Ilirias entre o 1809 e o 1813. En 1918 repartiuse o territorio entre Serbia, Croacia e Eslovenia, e desde o 1947 incorporouse á República Federal Socialista de Eslovenia, onde permaneceu ata o 1991, agás o seu extremo meridional que foi anexionado a Croacia. Despois da independencia de ambas as dúas repúblicas conservouse a mesma distribución.

Palabras veciñas

carnificación | carnificar | carniola | Carniola | carnitina | carnívoro -ra | carnizaría