carnívoro -ra

carnívoro -ra

(< lat carnivŏru)

  1. adx

    Que se alimenta de carne, especialmente os animais de hábitos predadores, como os das ordes dos carnívoros e dos pinnípedos, que capturan fundamentalmente presas vertebradas.

    Ex: A curuxa é un animal carnívoro que se alimenta de ratos.

  2. adx

    Aplícase á planta que atrapa pequenos animais, principalmente insectos, que lle proporcionan nutrientes. Son exemplo de plantas carnívoras as familias sarraceniácea, nepentácea, droserácea (sobre todo os xéneros Dionaea e Drosera) e lentibulariácea (os xéneros Pinguicula e Utricularia). Os tres últimos xéneros están presentes en Galicia.

  3. [ANIMAL]
    1. s m

      Mamífero da orde dos carnívoros.

    2. s m pl

      Orde de mamíferos caracterizados por unha dentición na que destaca o gran tamaño dos caninos, de función punzante, e a aparición de moas carniceiras, cortantes, como especialización do cuarto premolar superior e do primeiro molar inferior. Tamén son características dos carnívoros: as mandíbulas, que só permiten movementos verticais de grande abertura; as clavículas atrofiadas, que preveñen problemas articulares; o aparato dixestivo sinxelo, pola facilidade de asimilación da súa dieta fronte aos animais herbívoros; o encéfalo desenvolvido, que coordina os reflexos e a intelixencia que precisa a vida depredadora; a vista desenvolvida, incluso para condicións de pouca luz; o oído notable; as glándulas odoríferas, dispostas na rexión anal e que están especialmente desenvolvidas nos mustélidos e nos vivérridos, e que nalgunhas especies como as mofetas e os touróns poden expelir substancias fétidas a distancia e servir de defensa; e as glándulas sexuais, dispostas na zona xenital, que serven para a comunicación entre sexos e para a delimitación do territorio. Os carnívoros son depredadores, aínda que os plantígrados actuais nos que se distinguen as familias dos úrsidos, composta polos osos, de 42 dentes e de gran tamaño, e a familia dos prociónidos, á que pertencen os pandas e os mapaches, que presentan ata 40 dentes, que se desprazan apoiando todo o pé no chan, presentan unha tendencia a unha dieta omnívora ou mesmo, no caso do panda xigante, exclusivamente vexetariana. Os carnívoros dixitígrados só apoian os dedos, feito que lles confire vantaxes na carreira e no salto, e poden presentar en consecuencia unha dieta que dependa só das capturas. Son propios de todos os continentes, agás Australia e a Antártida, onde non existen formas indíxenas. O primeiro carnívoro do que se ten constancia no rexistro fósil, o Miacoideos, era un plantígrado e data do Paleoceno Superior, hai uns 40 millóns de anos. A orde dos carnívoros abrangue as familias dos cánidos, félidos, hiénidos, mustélidos, prociónidos, úrsidos e dos vivérridos.

Palabras veciñas

carniola | Carniola | carnitina | carnívoro -ra | carnizaría | Carnoedo | carnosauro