Carnot, ciclo de
Proceso cíclico simple realizado por unha máquina térmica ideal, chamada máquina de Carnot, creada por Nicolas Léonard Sadi Carnot en 1824. Consta de catro partes: na primeira, o sistema efectúa unha expansión isotérmica ao tomar calor dunha fonte e producir traballo exterior; despois pasa por unha expansión adiabática, que xera traballo exterior coa conseguinte diminución de temperatura; a continuación experimenta unha compresión isotérmica, expulsa calor ao exterior e recibe traballo; finalmente sofre unha compresión adiabática, recibe traballo e o conseguinte aumento de temperatura. É o ciclo teórico ideal no que se basean todas as máquinas térmicas, e calquera ciclo pode reducirse a unha combinación de ciclos de Carnot infinitesimais. A miúdo, o ciclo de Carnot utilízase percorrido en sentido inverso, como o realizado pola máquina frigorífica de Carnot.