Carnota

Carnota

Publicación bimensual que apareceu na vila de Carnota en outubro de 1983 e que se deixou de editar en 1986 (nº 16). Levou o subtítulo de “Boletín informativo do Concello”. O primeiro exemplar saíu baixo o título de Cornatum co número 0. O coordinador foi Xosé Manoel Currás Rúa e entre os colaboradores figuran Francisco Carballo, Manoel Villar, Ramón Noceda, Darío Xohán Cabana, Bernardino Graña, Méndez Ferrín, Alfonso Pexegueiro, A. Avilés de Taramancos e Fernán-Vello, entre outros. Das seccións do boletín destacan: “Temas do Concello”, “Cousas”, “Opinión”, “Saúde” e “Nenos”. Incluía tamén un apartado especial dedicado á historia do concello da autoría de Barreiro Barral.