Carracedelo
Municipio da comarca do Bierzo, integrado na provincia de León, na Comunidade Autónoma de Castela e León (3.533 h [1996]). Situado ao O de Ponferrada, está drenado polo río Cua. A economía local está baseada na agricultura e na gandería. Respecto á primeira, cultívanse cereais, froiteiras, legumes e hortalizas, ademais de vide. Deste último cultivo proceden as uvas empregadas na elaboración de viños acollidos á Denominación de Orixe do Bierzo. Tamén se elaboran licores e conservas de froitas. Con respecto á gandería, destacan os armentíos ovino, bovino e porcino. No termo municipal, concretamente no lugar de Carracedo del Monasterio, atópase o recinto do mosteiro de Santa María, cenobio beneditino fundado en 990 polo Rei Vermudo II baixo a advocación de San Salvador, que foi destruído polos musulmáns e posteriormente restaurado polo Emperador Afonso VII (1138), quen o doou aos monxes cistercienses.