carrán

carrán

(

  1. s m [ANIMAL/ORNIT]

    Ave acuática da familia dos estérnidos que abarca 41 especies, principalmente mariñas (aínda que as do xénero Chlidonias viven en augas doces durante a época de cría). Presentan na plumaxe nupcial un bonete negro que a finais do verán se reduce ao aparecer a fronte branca típica da plumaxe invernal. Teñen membranas entre tres dos dedos, a cola en forma de galla e as ás longas e estreitas, o que lles permite un voo moi lixeiro. Capturan pequenos animais acuáticos dentro da auga, onde se somerxen logo de pendurarse cun voo en peneira. Os pitos nacen cubertos de plumas e cos ollos abertos, e abandonan o niño ao pouco de nacer para agacharse preto del ata que chegan os pais co alimento. Aínda que en Galicia non aniñan, algunhas especies son comúns na época de paso e no inverno.

  2. carrán alibranco [ANIMAL/ORNIT]

    Carrán de 23 cm de lonxitude que na plumaxe nupcial presenta o corpo e a cabeza de cor negra, e o peteiro de cor vermella. Na plumaxe invernal, as partes superiores do corpo aparecen de cor agrisada e as inferiores brancas, a cabeza permanece negra agás a fronte branca e o peteiro colle un aspecto mouro. A mitra e a cola permanecen de cor branca todo o ano. Aliméntase de insectos, peixes e cágados. Ten unha distribución paleártica: aniña en zonas húmidas do L de Europa e pasa o inverno en Senegal e Sudáfrica. Na Península Ibérica vese durante o paso polo Mediterráneo e en Galicia é unha ave accidental.

  3. carrán ártico [ANIMAL/ORNIT]

    Carrán de 39 cm de lonxitude, de peteiro de cor vermella, cola moi gallada e parte superior das ás de cor agrisada e o resto de cor branca, agás a cabeza negra e as patas que son de cor vermella no verán. Aliméntase de peixes, crustáceos e moluscos. De distribución circumpolar, en Galicia é unha ave de paso.

  4. carrán bengalí [ANIMAL/ORNIT]

    Carrán de 43 cm de lonxitude, de peteiro amarelo alaranxado, cola moi gallada e curupela patente. É unha ave divagante dende África ata o oeste e sur de Europa.

  5. carrán bicocurto [ANIMAL/ORNIT]

    Carrán de 41 cm de lonxitude, de peteiro groso e negro, patas negras e cola agrisada e pouco gallada. Aliméntase basicamente de insectos e rara vez atrapa peixes. Aniña en colonias moi densas sobre illas pequenas de marismas e masas de auga doce. Distribuído de xeito puntual en todos os continentes, na Península Ibérica aparece en illas, lagoas, encoros, salinas ou marismas da metade meridional e da costa mediterránea.

  6. carrán branco [ANIMAL/ORNIT]

    Carrán de 32 cm de lonxitude, de peteiro fino e recto, con toda a plumaxe de cor branca, ollos grandes e voo especialmente lixeiro e áxil, que se alimenta de cefalópodos e peixes que captura principalmente pola noite cando soben á superficie. Non constrúe niño e o ovo incúbano sobre unha póla ou nunha pequena repisa. Distribúese no hemisferio sur nos océanos Índico, Pacífico ou Atlántico.

  7. carrán caribranco [ANIMAL/ORNIT]

    Carrán de 24 cm que posúe o peteiro de cor vermella escura, meixelas brancas e peito escuro, e que na plumaxe nupcial presenta o corpo gris escuro e a mitra gris. O niño é flotante e aparece ancorado na vexetación acuática. De distribución paleártica, na Península Ibérica distribúese en colonias en zonas húmidas atlánticas andaluzas, en L’Albufera de València e no Delta do Ebro; no interior, en zonas húmidas da Mancha como as Tablas de Daimiel. En Galicia é unha ave rara en época de paso.

    Sinónimos: charrela.
  8. carrán caspio [ANIMAL/ORNIT]

    Carrán de 56 cm de lonxitude, de peteiro moi grande de cor rubia e que presenta unha pequena crista. Atópase en moitos lugares da Península Ibérica non aniña de xeito regular e en Galicia é unha ave rara en época de paso.

  9. carrán cristado [ANIMAL/ORNIT]

    Carrán de 41 cm de lonxitude, de peteiro negro coa punta de cor amarela, cabeza cunha pequena crista e partes superiores cinsentas e inferiores brancas. Distribúese polas costas europeas do Océano Atlántico, nos mares Mediterráneo, Negro e Caspio, no Yucatán, no Caribe e Sudamérica. Na Península Ibérica aniña no Delta do Ebro, en L’Albufera de València e nalgunhas partes da costa cantábrica. Fóra de época de cría está presente no litoral ibérico todo o ano, sendo as máximas concentracións invernais en Huelva, no Delta do Ebro e nas Rías Baixas galegas.

  10. carrán inca [ANIMAL/ORNIT]

    Carrán de ata 42 cm de plumaxe cor gris escura, con plumas brancas rizadas cara a fóra en forma de bigote. Aniña na costa sudamericana do Pacífico.

  11. carrán mouro [ANIMAL/ORNIT]

    Carrán de 23 cm de lonxitude que na plumaxe nupcial presenta o corpo e a cabeza de cor negra e a parte superior das ás e da cola de cor agrisada. Da plumaxe invernal só conserva parte da cabeza de cor negra, as meixelas e pequenas manchas aos lados do peito. Cría en colonias de niños situados en lagoas e marismas de Eurasia e Norteamérica, en latitudes boreais e temperadas. Pasa o inverno na África tropical. Na Península Ibérica aniña de forma espóradica nas marismas do Guadalquivir, en lagoas e encoros do sueste e nalgúns puntos do interior. En Galicia é ave de paso, tanto na costa como en zonas húmidas do interior.

  12. carrán pequeno [ANIMAL/ORNIT]

    Carrán de 23 cm, de plumaxe branca, coa cabeza de cor negra agás a fronte branca. O peteiro é amarelo coa punta negra. Distribúese polo Paleártico, Australia, Hawaii e África occidental. Na Península Ibérica cría nas praias dos humidais litorais e salinas do litoral mediterráneo e no extremo S da costa atlántica peninsular; nas beiras de encoros, lagoas e ríos de Extremadura; e de xeito localizado na costa cantábrica.

  13. carrán rabelo [ANIMAL/ORNIT]

    Carrán de 35 cm de lonxitude, plumaxe branca coa parte superior das ás agrisadas e a parte superior da cabeza de cor negra. Peteiro vermello alaranxado coa punta negra no período nupcial. Na plumaxe invernal ten a fronte branca e escurécelle o peteiro. Aniña en zonas húmidas costeiras de pouca profundidade das rexións temperadas e boreais de Norteamérica e Eurasia, con puntos illados no Caribe e norte de África, pasa o inverno en latitudes ecuatoriais. Na Península Ibérica cría no Delta do Ebro, en L’Albufera de València, nas marismas do Guadalquivir e nas salinas do sueste peninsular. Existen datos dos seus aniñadoiros na costa cantábrica, e en Galicia é común como ave de paso.

  14. carrán rosado [ANIMAL/ORNIT]

    Carrán de 38 cm de lonxitude, de partes superiores agrisadas e inferiores brancas con tons de cor rosada, peteiro fino e negro coa base vermella na época de cría, e cola moi longa. Cría en colonias nas praias de illas mariñas nas costas de todos os continentes. En Galicia é rara como ave de paso.

  15. carrán tiñoso [ANIMAL/ORNIT]

    Carrán de ata 39 cm de lonxitude, de plumaxe de cor acastañada escura, cunha mancha máis clara na fronte. Distribúese polos trópicos do Índico, Pacífico e Atlántico.

Frases feitas

  • Carrán, carrán. A modo e con dificultade.

Palabras veciñas

carralexo | carramelo -la | carramolo | carrán | carraña | carranca | carrancas