Carré, Héctor
Realizador cinematográfico. Rematados os seus estudios de dirección de fotografía, incorporouse ao mundo profesional en 1985 e traballou como axudante de dirección en filmes como The Adventures of Baron Munchausen (As aventuras do barón Munchausen, 1987), de Terry Gilliam; Indiana Jones and the Last Crusade (Indiana Jones e a última cruzada, 1988), de Steven Spielberg; La forja de un rebelde (1988), de Mario Camus; Las cosas del querer (1988), de Jaime Chávarri; ou Luna negra (1989), de Imanol Uribe. Iniciouse no campo da publicidade como axudante de dirección e xefe de produción na realización de anuncios. Escribiu guións para cine e televisión, amais dalgunha obra teatral (Sangre, 1991). En formato vídeo dirixiu a finais dos anos oitenta Adiós al temor e Máis do mesmo. Soubo aproveitar o éxito e os premios das súas primeiras curtametraxes en 35 mm como A sorte cambia (1991) e Coitadiños (1992), para acceder á realización da súa primeira longametraxe, Dáme lume (1994). Esta película, a xeito de thriller, supuxo unha ruptura fronte ás tradicionais peculiaridades paisaxísticas, climáticas e sociais do país galego. A liña escollida para a súa opera prima baseábase na desmitificación, no esperpento e nunha dinámica de planificación que lle valeron a nominación á mellor dirección novel nos premios Goya dese ano. En 1997 estreou a súa segunda longametraxe, Dáme algo, un filme máis cobizoso ca o anterior, rodado en Madrid, e no que tenta radicalizar algunhas das constantes do seu anterior traballo. Posteriormente, centrou a súa actividade no sector da produción, con algunha incursión nas rodaxes, entre elas, no filme hispano-arxentino Lisboa (1999), dirixido por Antonio Hernández.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña