Carreiro Montero, Xosé

Carreiro Montero, Xosé

Ilustrador. Coñecido como Pepe Carreiro, desenvolveu a súa actividade como caricaturista dende os anos setenta. Traballou como deseñador gráfico para as editoriais Ir Indo e A Nosa Terra, e para diversas axencias de publicidade. Publicou en A Voz do Pobo, voceiro do PCG, as tiras de humor O fillo de Breogán e O tebeo do pobo; no semanario Teima e, ao desaparecer este no diario El Pueblo Gallego, a tira O galo Camilo; no Faro de Vigo, no suplemento semanal A Pizarra, a tira Maxistérico; no Faro del Lunes, a tira Canal privado; en A Peneira, a tira Robinsón. Ademais publicou tiras e viñetas de humor político, entre outros medios, en La Codorniz, A Nosa Terra, Diario de Galicia, La Voz de Galicia, El Mundo e na revista teatral Casahamlet. Por outra banda, realizou a tira O anano do tesouro para o programa da TVG A trabe de ouro. Fundou a revista Can sen Dono, da que foi o seu primeiro director, e o semanario satírico XO! a voz que para as bestas, con Picho Suárez, publicación que chegou ata o número 39. Participou, entre outros, no I Encontro de Humoristas Galegos celebrado no castelo de Vilasobroso, en Mondariz, e na Bienal del Humor de San Antonio de los Baños, en La Habana. É autor do libro Fraga na Galiza (1997).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo