Carreras i Coll, Josep Maria

Carreras i Coll, Josep Maria

Tenor. Debutou no Liceu de Barcelona aos once anos de idade (3.1.1958) como Trujamán do Retablo de Maese Pedro, de Falla, e posteriormente participou en La bohème de Puccini e na estrea da ópera Amunt de Manuel Altisent. Entre 1964 e 1966 estudiou canto con Jaume Francesc Puig e Joan Ruax. Estreouse profesionalmente o 8 de xaneiro de 1970 interpretando a Flavio da Norma de Bellini, ao lado de Monserrat Caballé. As súas primeiras actuacións de relevancia tiveron lugar no Liceu (Gennaro de Lucrezia Borgia e Ismaele de Nabuco) e en Donostia (Arturo de Lucia di Lammermoor). Gañou o concurso Giuseppe Verdi de Parma (1971) e debutou nese mesmo teatro en 1972 ao carón de Katia Riciarelli, como Rodolfo de La bohème. Actuou nos principais teatros do mundo, e no Colón de Bos Aires, en San Francisco; no Metropolitan de Nova York e en Múnic, en Viena e no Covent Garden de Londres ou na Scala de Milán. En 1976 interpretou en Salzburgo o Réquiem de Verdi. Cantou ao lado de Monserrat Caballé, Mirella Freni ou Agnes Baltsa e foi dirixido por grandes directores como Leonard Bernstein, Herbert von Karajan ou Giuseppe Sinopoli. O seu repertorio vai do bel canto (Lucia de Lammermoor e L’elisir d’amore de Donizetti) ao verismo (Andrea Chénier e Fedora de Giordano), pasando por Pucini, Verdi e polo repertorio francés de Massenet ou Bizet. Paulatinamente, interpretou papeis máis dramáticos de Verdi (Manrico de Il trovatore, Don Álvaro de La forza del destino e Radamés de Aida) ou Puccini (Calaf de Turandot). Despois dunha longa enfermidade volveu aos escenarios en xullo de 1988 cun recital no arco do triunfo de Barcelona. Na súa discografía destacan as gravacións de óperas de Verdi (Un ballo in maschera, Simon Boccanegra, La forza del destino, Aida, Don Carlo) e Puccini (La bohème, Madama Butterfly, Tosca, Manon Lescaut), ademais de ópera francesa (Thais e Werther de Massenet, La juive de Halévy, La Périchole de Offenbach), do repertorio belcantista (Lucia de Lammermoor de Donizetti e Otello de Rossini), os musicais West side story e South Pacific e os discos gravados xunto a Plácido Domingo e Luciano Pavarotti (Los tres tenores). Foi galardoado coa Medalla de Ouro da Generalitat de Catalunya (1984) e co Premio Príncipe de Asturias de las Artes (1991).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Barcelona