Carrillo Solares, Santiago
Político, fillo de Wenceslao Carrillo. Elixido secretario xeral das Juventudes Socialistas Unificadas en 1934, participou no levantamento revolucionario de Asturias. Como consecuencia deste acto, tivo que permanecer no cárcere ata a amnistía de febreiro de 1936. Ese mesmo ano ingresou no Partido Comunista Español (PCE) e foi conselleiro de Orde Pública da Junta de Defensa de Madrid. Exiliado en 1939, impulsou o cambio de orientación do PCE cara á reconciliación nacional (1956) e no VI Congreso do Partido en 1960 asumiu a súa secretaría xeral. Desde este cargo, promoveu a independencia do PCE respecto á URSS e foi un dos creadores, xunto con Enrico Berlinguer, do eurocomunismo, definido como unha concepción estratéxica autónoma nacida dunha experiencia propia e dunha realidade concreta. Esta ideoloxía converteuse no único modelo revolucionario posible nos países capitalistas desenvolvidos, onde o parlamentarismo e o pluralismo político eran unha realidade e as liberdades e os dereitos humanos representaban un logro histórico irrenunciable do progreso humano. En 1974 inspirou a creación en París da Junta Democrática de España e, dous anos despois retornou do exilio. Unha vez legalizado o PCE, foi deputado por Madrid durante a lexislatura constituínte (1977-1979) e nas dúas primeiras lexislaturas (1979-1986). No X Congreso do PCE, celebrado en 1981, os membros do partido non foron capaces de unificar os seus criterios de renovación, o que provocou unha crise que o levou a dimitir da secretaría xeral en 1982. Foi expulsado do comité central no 1985. Nese mesmo ano creou o Partido de los Trabajadores de España (PTE), que se disolveu en 1991, cando se integrou maioritariamente no Partido Socialista Obrero Español (PSOE). Recolleu o seu ideario político en Después de Franco, qué? (1965), Eurocomunismo y Estado (1977), Memoria de la transición (1983), La gran transición. Cómo reconstruir la izquierda? (1995) e Ha muerto el comunismo? (2000).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Gijón