Carro Martínez, Antonio

Carro Martínez, Antonio

Xurista e político. Doutor en Dereito e licenciado en Ciencias Políticas e Económicas. Profesor de dereito político e de teoría do estado, director do Instituto de Estudios da Administración Local e membro do Instituto Internacional de Ciencias Administrativas. Forma parte do corpo de letrados do Consejo de Estado, do corpo de secretarios de administración local e do corpo de técnicos da administración civil e do estado. Foi presidente da comisión de sanidade e asistencia social do I Plan de Desarrollo (1959), procurador en Cortes e secretario xeral técnico do ministerio da Gobernación. En 1973 foi nomeado director xeral da Administración Local e en 1974 ministro da Presidencia, cargo que exerceu ata marzo de 1975. En 1976 participou na formación de Alianza Popular (AP) e foi elixido deputado por este partido nas Cortes constituíntes de 1977. Entre 1982 e 1986 exerceu como vicepresidente segundo do Congreso de los Diputados. Colaborou nas revistas Documentación Administrativa, Ciencia Urbana e Ciudad y Territorio e escribiu, entre outras obras, Constitución española de 1869 (1952), Introdución a la ciencia política (1957) e Derecho político (1965). Foi nomeado fillo predilecto da provincia de Lugo e fillo adoptivo de Santiago de Compostela. Posúe, ademais, a Gran Cruz do Mérito Civil, da Sanidade e a de Carlos III.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Lugo