Cartagena
Municipio da Comunidad Autónoma de la Región de Murcia, na beira da baía de Cartagena (170.483 h [1996]). É o centro dunha fecunda comarca agrícola, o Campo de Cartagena. O crecemento da cidade débese, en parte, ao establecemento a mediados do s XX da refinería de petróleo de Escombreras, que repercutiu na industrialización de toda a rexión. Co tempo instaláronse diversas industrias petroquímicas e metalúrxicas, e unha central térmica, xunto con empresas dedicadas á construción naval militar e á explotación das minas de chumbo e prata. O porto, de excelentes condicións naturais, ten un intenso comercio, principalmente de produtos petroquímicos; tamén é porto militar, xa que Cartagena é cabeza da Zona Marítima do Mediterráneo. Esta cidade foi fundada no 228 a C por Asdrúbal, durante a expansión cartaxinesa no SL da Península Ibérica, era un importante porto de exportación de ouro e prata. Durante a Segunda Guerra Púnica conquistouna Publio Cornelio Escipión, que a converteu en cidade romana baixo o nome de Cartago Nova, momento no que pasou a ser capital da provincia Cartaxinense. Arrasada no s V polos vándalos, alanos e godos, a capitalidade provincial herdouna Oriola. Os visigodos trasladaron a dignidade metropolitana a Toledo. Someteuse aos bizantinos, que a ocuparon entre o 554 e o 616. Coa invasión musulmá foi reconstruída para formar parte do estado autónomo de Tudmir. Conquistada definitivamente no 1261 por Xaime I de Aragón, estivo alternativamente en mans do reino aragonés e castelán, pero na revisión de límites feita no 1304 pasou a formar parte de Castela. Cartagena deulle a Castela unha importante saída ao mar e a poboación recuperou unha parte da súa antiga importancia grazas ao eixe comercial Sevilla-Cartagena-Mallorca-Xénova e, en particular, por mor da exportación de la a Italia. No s XVIII, Patiño creou unha moderna base para a Armada. No s XIX a explotación do chumbo tivo unha grande importancia, e Cartagena converteuse nun núcleo de concentración proletaria no que se difundiron as ideas máis radicais. Durante a Insurrección Cantonalista da Primeira República proclamouse o cantón federalista de Cartagena (12 de xullo de 1873). Na Guerra Civil española (1936-1939) serviu de base naval para o exército republicano. A cidade conserva restos romanos como a Torre Ciega, monumento de carácter funerario. A igrexa románico-gótica de Santa María la Vieja conserva restos romanos pertencentes a un circo. Domina a vila o castelo de La Concepción. Diversas igrexas da cidade, como a de San Diego e a de San Miguel, teñen esculturas de Salzillo. O museo arqueolóxico conserva numerosas antigüidades romanas.