cartografía

cartografía

(< carto- + -grafía)

Arte e ciencia que ten por obxecto a concepción, redacción e realización de mapas, ademais da súa utilización. Comprende o conxunto de estudios e operacións científicas, artísticas e técnicas que, a partir da observación directa ou da explotación dunha documentación, interveñen na confección de mapas, planos e outras formas de expresión cartográfica, como os diagramas, os cartogramas, os cartodiagramas ou as representacións tridimensionais, como os mapas en relevo, etc. O obxectivo final da cartografía debe ser o mapa como unha representación xeométrica plana, simplificada e convencional, de toda ou parte da superficie terrestre, cunha relación de similitude proporcionada, é dicir, a escala.
O proceso cartográfico

O proceso de elaboración do material cartográfico consta basicamente de tres etapas: obtención de datos, debuxo do mapa e reprodución. O desenvolvemento paralelo dos procedementos empregados nas tres etapas de produción cartográfica conduciu á cartografía automática, caracterizada pola utilización dos medios informáticos e pola desaparición, case absoluta, do debuxo manual. A cartografía automática necesita tres fases para a súa elaboración: en primeiro lugar, precísase un ficheiro numérico dos datos superficiais no que exista unha correspondencia cun rexistro das coordenadas xeográficas para cada dato, así como un código que defina a natureza de cada detalle para representar os detalles espaciais que interesen; en segundo lugar, é necesario aplicar as correspondentes coordenadas de localización aos fenómenos que se van representar sobre a base espacial; e por último, formúlase a interrelación dos detalles da base espacial que interesan xunto coa dos fenómenos localizables que se queren representar a través do emprego das coordenadas dos distintos elementos, relación que permite a elaboración do mapa. Os restantes elementos do mapa como o título, a lenda, a escala, etc, segundo o sistema de información cartográfico utilizado, realízanse de xeito automático. Igualmente, o emprego dunha e doutra variable visual (forma, tamaño, trama, valor ou cor), signos que representan nos mapas temáticos os fenómenos localizables, poden utilizarse con máis ou menos liberdade dependendo do programa informático empregado. As diferentes informacións que proporciona un mapa permiten distinguir, fundamentalmente, entre a cartografía topográfica e a cartografía temática. O obxecto da cartografía topográfica é a representación exacta e detallada da superficie dun terreo; parte da información proporcionada pola topografía, pola fotografía aérea ou pola imaxinería dos satélites, e emprega as técnicas da fotogrametría, a ortofotogrametría e a teledetección, co resultado dun mapa ou dun ortofotomapa. A cartografía temática é unha representación, sobre un fondo de referencia e mediante símbolos, de fenómenos localizados de calquera natureza e das súas correlacións. A súa orixe é tan antiga como a da cartografía topográfica, pero foi no s XIX cando se estendeu a outros campos diferentes, separándose cada vez máis da cartografía topográfica, a pesar de que esta lle serve de referencia.
Historia
A confección de mapas é anterior ao coñecemento da escritura. Ao estudar a cartografía, ademais do grao de destreza ou perfección no trazado, débese ter presente que un mapa é un documento histórico ou sociolóxico que axuda a interpretar moitos acontecementos; por iso tamén supón unha arte de interpretación e utilización de mapas. A súa orixe é antiga debido á necesidade de representar os percorridos que se facían co fin de orientarse e asegurar a súa subsistencia; segundo algúns investigadores, moitas das creacións rupestres prehistóricas correspóndense con plasmacións de tipo cartográfico nas que usaban materiais como a area ou as pedras. Estas primeiras representacións achéganse aos denominados “mapas mentais”, onde se debuxa aquilo que o individuo lembra, sen interesar a súa precisión senón as percepcións e relacións que establece co contorno no que desenvolve as súas actividades. Dos pobos asirios e exipcios atopáronse restos de debuxos realizados en táboas de barro e de papiro que parecen representar elementos da superficie terrestre. Aos babilonios débese a división do círculo en graos, usando como base o número 12. O primeiro pobo que mediu o terreo dunha maneira científica foi o exipcio. Outros pobos, como os fenicios que eran navegantes, dispoñían dunhas cartas náuticas moi rudimentarias pero necesarias para establecerse e moverse polas distintas rutas comerciais marítimas. Estas primeiras representacións amosan un coñecemento moi limitado do mundo xa que se limitaban aos territorios que frecuentaban e ademais mesturaban a realidade con interpretacións de tipo mitolóxico. A civilización grega abandonou por primeira vez estas representacións limitadas e fantásticas do mundo e comezou a achegar as primeiras referencias xeométricas sobre a Terra, así como a súa forma. A comezos do s IV a C, Tales de Mileto anticipou a idea da esfericidade da Terra (ata daquela considerada un disco rodeado de auga) que demostrou matematicamente Aristóteles (350 a C), baseándose na forma do limbo da Terra sobre a Lúa durante unha eclipse, e por Erastótenes (s III a C) que ofreceu unha medida da circunferencia da terra bastante achegada á real, 39.690 km, fronte aos 40.000 km que ten en realidade. Os gregos puxeron os alicerces do actual sistema cartográfico, válido ata o s XVI, estableceron as nocións de polos, ecuador e trópicos, inventaron o sistema de lonxitudes e latitudes e formularon as primeiras proxeccións que permitiron pasar a superficie curva da terra a unha plana, como a de Hiparco (190-125), baseada nunha rede de meridianos e paralelos. O apoxeo da cartografía grega vai unido a Claudio Ptolomeo (s II a C), autor da obra Geographia que consta de oito volumes, o último dedicado á cartografía matemática das proxeccións. O texto acompañábase dun mapamundi en forma de medio círculo e de 26 mapas detallados que constitúen o primeiro atlas universal. O mapamundi de Ptolomeo é, segundo L. Bagrow, obra dos bizantinos do s XI e está aumentado con respecto ao orixinario. Os romanos constituíron unha civilización eminentemente práctica e aproveitáronse da cartografía para a representación dos distintos itinerarios que comprendían as súas posesións. A súa foi fundamentalmente unha cartografía de tipo militar, caracterizada pola redución de detalles e unha representación dos puntos de interese (poboacións, camiños, etc). Esqueceron o sistema de proxeccións e volveron ao antigo mapa de disco. Dentro deste círculo, os romanos situaron o seu Orbis Terrarum cos tres continentes coñecidos: Europa, Asia e África. A Península Itálica e o seu Imperio ocupaban case toda a súa superficie. O derrubamento do Imperio Romano no s V supuxo unha decadencia para a cartografía, sobre todo no mundo occidental. Os monxes, convertidos en depositarios dalgúns restos da cultura anterior, só mantiveron no eido cartográfico representacións convencionais simbólicas e case pitóricas da superficie terrestre, apoiadas en abstraccións místicas e sen valor científico. O mapamundi típico da Idade Media continuaba sendo en forma de disco como na época romana, tiña polo tanto a forma do T dentro do O (Orbis Terrarum). Xunto a este tipo de mapas coexistiron outros fundados na idea da forma esférica da Terra. En Oriente durante o período medieval produciuse un importante desenvolvemento das ciencias, feito que, xunto aos novos coñecementos que as viaxes proporcionaban, favoreceu o avance da cartografía. Os árabes foron os encargados de conservar os adiantos realizados en etapas anteriores e, ademais, enriqueceron eses coñecementos con técnicas que adquiriron no seu contacto co Extremo Oriente, así como cos datos que conservaban das súas rutas marítimas e os grandes coñecementos que tiñan sobre astronomía, matemáticas e xeometría. Volveron ás directrices trazadas pola cartografía grega e conseguiron calcular dunha forma moi aproximada a lonxitude dun grao. O mapa de al-Idrīsī, confeccionado no 1154, é a peza máis importante da cartografía árabe. En Occidente, a cartografía veuse impulsada polo pulo da navegación, primeiro polo Mediterráneo e máis tarde polo Océano Atlántico. Ante a falta de mapas para a navegación impúxose a necesidade de debuxar documentos coas rutas marítimas que unían os distintos portos, denominados portolanos e considerados as primeiras cartas de navegación. Xunto coa ampliación das rutas marítimas, outros feitos axudaron á mellora cartográfica ao final da Idade Media: por unha banda, a transmisión dos coñecementos antigos por medio das traducións árabes e, pola outra, a invención da imprenta que permitiu a multiplicación dos mapas. Ademais, en pouco tempo ampliouse o coñecemento da terra que deu orixe á necesidade de mapas novos e máis precisos. Abandonouse a idea do Orbis Terrarum e substituíuse pola dun mapa realizado coa axuda do compás, produto da experiencia directa. Durante o s XV produciuse unha irrupción da obra ptolemaica: a Geographia imprimiuse en sete ocasións entre 1475 e 1500. O mapamundi de Juan de la Cosa do ano 1500 iniciou a época moderna da cartografía, que en pouco tempo evolucionou rapidamente e entrou nunha fase brillante de expansión e progreso. A mediados do s XVI iniciouse a idade de ouro da cartografía holandesa que durou arredor dun século. Pola súa condición de comerciantes, os holandeses tiñan noticias de todas as partes do mundo, feito que os convertía nuns grandes cartógrafos. Destacou Gerhard Mercator, que tivo o mérito de liberar definitivamente a cartografía da influencia de Ptolomeo, ao mesmo tempo que foi o autor da proxección Mercator, ideada para o gran mapamundi de 1569, que non foi publicada ata o 1595, un ano despois da súa morte. Trátase do Atlas sive cosmographicae meditationes de fabrica mundi et fabricati figura (Atlas ou meditacións cosmográficas sobre a constitución do mundo e a estrutura creada), que servirá a partir deste momento para designar, co nome xenérico de Atlas, todas as compilacións deste tipo. O outro gran cartógrafo holandés do s XVI foi Abraham Oertel, autor da obra Theatrum Orbis Terrarum (Escenario do círculo da Terra), publicada a partir de 1570 e considerada o primeiro grande atlas moderno do mundo. Unha obra paralela a esta foi Civitates Orbis Terrarum (Cidades do círculo da Terra, 1572), escrita e pensada por Braun e Hogenberg. Publicouse ata 1624 e coñécense 57 edicións, tamén en diferentes idiomas e con aumentos substanciais no seu contido. A contribución da dinastía Bleau, establecida en Amsterdam, autores do Atlas Novus (Atlas Novo, 1634) e do Atlas Maior (Atlas Maior), pecha a achega dos grandes cartógrafos neerlandeses. A partir da segunda metade do s XVII comezou a influencia francesa, basicamente coa figura de Nicolas Sanson d’Abbeville (1600-1667). A característica propia desta escola é o seu carácter científico, grazas ao uso do telescopio e de mellores instrumentos de nivelación e ao establecemento do observatorio de París (1671), que fixou a lonxitude e a latitude de numerosos lugares. No s XVIII perfeccionáronse os sistemas de triangulación e, ao final do século, o teodólito revolucionou as observacións topográficas á vez que se creaban os primeiros servicios cartográficos públicos. Froito deles foron as grandes obras cartográficas que se realizaron ao comezo da Idade Contemporánea, consecuencia do interese dos organismos oficiais por avanzar nesta ferramenta estratéxica para o desenvolvemento económico dos seus territorios. Nesta etapa tamén se acentuou a separación entre a cartografía topográfica e a temática. A primeira, realizada principalmente polos organismos oficiais, céntrase na representación exacta e detallada da superficie terrestre referente á posición, forma, dimensións e identificación dos accidentes do terreo, así como dos obxectos concretos que se atopan permanentemente sobre ela. Durante o s XIX, a cartografía beneficiouse do progreso das artes gráficas (litografía, impresión a cores, etc) e iniciouse o levantamento topográfico do fondo do mar, mentres que a maioría dos estados comezaban ou continuaban os seus respectivos mapas topográficos. No ano 1851, o francés A. Laussedat realizou as primeiras medicións coa axuda da fotografía, (fotogrametría). Esta técnica, que se comezou a utilizar en Canadá e Alemaña, significou un grande avance e a implantación dun novo sistema de confección de mapas. A evolución da ciencia e da técnica tivo un importante efecto no desenvolvemento da cartografía do século XX, pero tamén a súa importancia en estratexias e conflitos bélicos fixo que se lle prestase un especial apoio investigador a esta. Aínda que os avances en materia cartográfica foron constantes ao longo da historia, cómpre destacar a importante transformación que a introdución da informática supuxo para a cartografía. A denominada cartografía automática permitiu que o mapa se convertese nun elemento dinámico e nun instrumento básico para os estudios territoriais. Gracias aos soportes informáticos, a cartografía conseguiu reunir dúas características básicas: a análise e a síntese de informacións. A integración das novas tecnoloxías aos sistemas de almacenaxe da información así como a proliferación de modernos sistemas gráficos que favorecen a vinculación entre as bases de datos e espaciais, permiten ofrecer rápidos resultados cartográficos, visibles tanto en soportes informáticos de pantallas de alta resolución como en soportes máis tradicionais, con saídas a través de impresora ou de plotter. O resultado de todos estes avances é unha cartografía cada vez máis precisa e cunha maior utilidade pola súa rapidez de execución.
A cartografía galega e española
En España a cartografía histórica foi importante durante os ss XIV e XVI debido á produción de mapas de navegación (portolanos), elaborados na escola catalano-mallorquina e no s XVI na escola andaluza. O seu desenvolvemento estivo relacionado coa importancia da navegación e das distintas rutas comerciais que se estableceron con outros países. Pouco a pouco estas escolas foron preparando mapas das costas europeas, africanas e americanas, aínda que nestes anos se preparou moi pouca cartografía sobre a Península Ibérica. Foi durante o reinado de Filipe II cando se pensou nun proxecto para preparar unha descrición xeográfica de todos os seus territorios. Realizouse ademais un mapa xeral de España, encargado polo marqués de la Ensenada en 1760. Ao longo dos ss XVIII e XIX leváronse a cabo importantes traballos de cartografía de toda a Península, apoiados na necesidade da propia Administración de coñecer o territorio que tiña que organizar. En España hai institucións dedicadas á confección de mapas de todo o seu territorio, como son o Instituto Hidrográfico de la Marina ou o Instituto Geográfico Nacional, ambos os dous dedicados non só á produción cartográfica e á súa actualización, senón tamén á observación da rede xeodésica, observacións astronómicas e operacións gravimétricas; ademais, o Servicio Geográfico del Ejército produciu unha cartografía topográfica moi precisa e de grande utilidade polos detalles que incorpora. O emprego dos satélites facilita a todos estes organismos a realización desta cartografía base. Ademais, tamén se incorporaron sistemas de información cartográfica en moitos ámbitos dos distintos organismos públicos e privados, o que permite ofrecer rápidos resultados das distintas variables territoriais. A historia da cartografía en Galicia é un reflexo do progresivo coñecemento que sobre o territorio tiveron os distintos cartógrafos, tanto do país como estranxeiros. Por iso a súa evolución é paralela ao desenvolvemento dos avances científicos e técnicos en materia cartográfica (progreso nos procesos de medición, no coñecemento sobre a forma da terra, etc). Nos documentos cartográficos máis antigos, Galicia aparece representada sempre dentro de conxuntos territoriais máis amplos. Dende finais do s XVI, existen mapas nos que se cartografa illadamente toda Galicia ou unha parte dela. Unha boa selección de cartografía antiga galega debe conter algúns dos exemplares das cartas náuticas de Waghenaer, así como a Descripción del Reino de Galicia de Hernando de Ojea, publicada en Anveres en 1603. O mapa de Ojea foi posteriormente corrixido e reproducido en múltiples ocasións. O s XVIII destaca polas importantes contribucións realizadas polos ilustrados galegos e españois. En Galicia sobresae a obra cartográfica de Xosé Cornide Saavedra, aproveitada posteriormente por Tomás López para o seu mapa de Galicia. Na cartografía náutica, os traballos de Vicente Tofiño para o Atlas Marítimo de España, publicados a partir de 1789, van ser reproducidos polos servicios cartográficos doutros países. No s XIX cómpre destacar a Carta Geométrica de Galicia, a escala 1:100.000, de Domingo Fontán, baseada nun levantamento apoiado nunha rede xeodésica realizada por el mesmo. Os traballos de preparación, que tomaron como punto central da triangulación a Torre do Reloxo da catedral compostelá, comezaron en 1817 e remataron en 1834. O recoñecemento que obtivo valeulle o encargo da redacción das normas para a formación dos planos topográficos das catro provincias en que se dividira o Reino, así como a súa carta xeral que non puido finalizar. Tamén no XIX cómpre destacar os mapas, acompañados de planos de poboacións e mapas parciais, publicados por Francisco Coello entre 1856 e 1865 para o Atlas de España y sus posesiones de Ultramar. O s XX supuxo unha nova etapa para a cartografía galega xa que proliferaron levantamentos a maior escala, entre os que destacan os traballos realizados nas costas pola Comisión Hidrográfica. Galicia foi tamén incluída nos proxectos e programas das institucións a nivel estatal (Instituto Geográfico Nacional e Servicio Geográfico del Ejército). Así, na primeira metade do século, a produción reduciuse á realización do Mapa Topográfico Nacional a escala 1:50.000. En 1975, o Instituto Geográfico Nacional iniciou a publicación do mapa topográfico a escala 1:25.000, de enorme precisión. En decembro de 2000 aínda non se publicaran as follas correspondentes a todo o territorio galego (as carencias céntranse nas comarcas do Deza, a Ulloa, Terra de Lugo, Terra Chá e Terra de Lemos, Ancares e A Fonsagrada). En 1985, a Xunta de Galicia presentou unha cartografía a escala 1:10.000 e o Instituto Geográfico Nacional iniciou a Base Cartográfica Numérica 1:25.000 coa dixitalización e a restitución numérica do Mapa Topográfico Nacional, técnica que vai permitir dispor dunha cartografía actualizada de xeito sinxelo e práctico. Pero foi na década dos noventa cando os últimos avances permitiron presentar o mapa non só en papel, senón tamén en soporte magnético. Neste sentido, foi fundamental a creación do SITGA (Sistema de Información Territorial de Galicia), no seo da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, e o apoio das institucións autonómicas aos proxectos cartográficos.