Caruncho Amat, Luis María

Caruncho Amat, Luis María

Artista plástico e arquitecto. Estudiou arquitectura técnica en Madrid e historia da arte en Aix-en-Provence. Foi director do Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa da Coruña, da Oficina de Proyectos de Cyesa e do Centro Cultural del Conde Duque en Madrid, cidade na que organizou os museos municipais e o patrimonio cultural ata 1995, creou a sala Kandinski e asesorou a Fundación de Gremios. En 1976 participou en Nova York no Grupo Aberto de Arte Construtiva Tradicional e, posteriormente en España, no grupo Ruedo Ibérico. A súa obra experimentou o diálogo entre o plano e o volume, a luminosidade e a percepción, e o simbolismo. Da súa produción destaca o conxunto residencial de Los boquerones (Marbella), a Fundación Camilo José Cela en Iria, os murais para as Galerías María Pita da Coruña, o edificio Galaxia en Madrid e o Monumento a los Caídos de Aragonesas, en Huesca. Realizou as escenografías de El amor brujo, La Celestina e Caín y Abel. Publicou, entre outras obras: Tino Grandío (1924-1977) (1996), Daniel Vázquez Díaz (1882-1969) (1998), María Antonia Dans (1922-1988) (1999) e Raúl Urruticoetxea (2000); e xunto con José Luis Morales y Marín e Antonio González Lamata Noticias de las corralas de Madrid (1987). Comisario de exposicións, recibiu en 1985 un premio pola mostra Gutiérrez Solana e outro pola de Rafael Penagos (1988-1989). Como pintor recibiu, entre outros, os premios L’Oreal, a Medalla do Círculo de Bellas Artes de Madrid e o Premio Nacional de Pintura Cultura Viva (1992).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña