Caruso, Enrico
Tenor. Tivo grande influencia na arte lírica do século vinte e seguiu unha carreira de éxitos que o fixo un mito e serviu de modelo aos tenores posteriores. Gozou dunha inmensa popularidade, en parte debido ao feito de chegar moi novo ao mundo do disco e ser unha das primeiras voces que se gravaron. Na súa xuventude foi aprendiz dunha fundición e dende os sete anos e durante a mocidade cantou en igrexas, eventos sociais e mesmo nas rúas. A sonoridade e volume da súa voz fixo dubidar nos inicios da súa carreira da clasificación como barítono ou como tenor. Discípulo de Guglielmo Vergine e Vincenzo Lombardi, trascendental para solucionar os seus problemas de limitada extensión do agudo, debutou no Teatro Nuovo de Nápoles en L’amico Francesco de F. Morelli o 16 de novembro de 1894 e continuou a súa carreira polos distintos teatros de Italia. En Milán debutou como Rodolfo en 1887 no Teatro Lírico, onde o mesmo ano estreou L’arlesiana de Cilea; o debut na Scala foi en 1900 con La bohème, dirixido por Arturo Toscanini, teatro no que en dous anos participou en corenta e nove funcións e onde non actuou máis. Tralas críticas recibidas pola súa actuación no L’elisir d’amore en 1902, xura e cumpre a promesa de non volver cantar no Teatro San Carlo de Nápoles. En 1895 comezou as súas xiras por Europa e Sudamérica. En 1903 debutou no Metropolitan de Nova York (onde realizou máis de seiscentas funcións) no papel do duque de Mantua do Rigoletto de Verdi, feito trascendental na súa carreira. Cunha voz única, excepcional e de son incomparable, e temperamento, presenza escénica e forte personalidade dotou ás súas interpretacións de gran expresividade dramática. Fundiu o canto clásico e a paixón napolitana nun canto natural de extrema espontaneidade. Cun son compacto, suavidade no fraseo e elocuencia no acento, realizaba delicadas inflexións para transmitir sentimentos de dozura, delicadeza e sensualidade. A partir de 1909 realizou papeis de maior peso vocal, o que determinou que o seu timbre adquirise inflexións decisivamente escuras e ampliase o volume do rexistro grave e central, dunha resonancia absolutamente excepcional, aproveitado para acentuar o carácter dramático da interpretación. Elixido polos propios compositores, protagonizou numerosas estreas (L’arlesiana e Adriana Lecouvreur, de Cilea; Fedora, de Giordano ou Le maschere, de Mascagni). Xurdiu na época do nacemento do verismo, polo que manifestou unha clara inclinación, e foi considerado como prototipo do tenor verista ao conferirlle ao declamado unha concitación e unha incisividade descoñecida na época. Cantou a Puccini (Manon Lescaut, La bohème, Tosca, Madama Butterfly), a Verdi (Rigoletto, La traviata, Aida, La forza del destino, Ernani). Non foi alleo ao repertorio belcantista (Capuletti e Montecchi e I puritani de Bellini, L’elisir d’amore, Lucia di Lamermoor e Favorita de Donizetti) nin o repertorio francés (Carmen e Les pêcheurs des perles de Bizet, Les huguenots, Le prophète e L’africaine de Meyerbeer, Navarraise e Manon de Massenet, Sansón e Dalila de Saint-Saëns, La juive de Halévy), e interpretou a autores como Boito (Mefistófele), Flotow (Martha), Gluck (Armida) e, excepcionalmente, Wagner (Lohengrin) e Mozart (Don Giovanni), xunto a óperas como Drama in vendimia de Fornari, Yupanki de Berutti ou Lodoletta de Mascagni. Home polifacético, en EE UU rodou películas mudas en 1918 (O meu primo e O espléndido romance), fixo caricaturas de si mesmo e doutros famosos personaxes da ópera, e escribiu o libro Cómo cantar. A súa última actuación foi en La juive de Halévy o 24 de decembro de 1920 en Nova York.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Nápoles -
Deceso