casa

casa

(< lat casa ‘choza, casa decampo’)

    1. s f

      Construción destinada á vivenda e constituída por unha serie de dependencias anexas que, formando parte do conxunto, son singulares para cada unha das diferentes limitacións xeográficas e físicas que conforman a expresión do home co seu medio. Algúns dos elementos que a forman son os cimentos, as paredes, os tabiques, o teito, o piso, o tellado ou a terraza. As aberturas que a comunican co exterior son a porta, as xanelas e o balcón. Os diferentes niveis da casa, piso ou planta, denomínanse soto, entresollado, sobrado ou ático, e accédese a eles por medio de escaleiras ou ascensores. A parte externa da casa é a fachada (ás veces con galería, pórtico ou solaina) e a planta baixa pode ter patio. Para a casa urbana estendeuse o uso do formigón, do cemento armado, das estruturas metálicas e dos elementos cerámicos prefabricados, ademais do vidro e do aluminio. Segundo o réxime xurídico de propiedade, pódese dividir en casa de propiedade e casa de aluguer. A primeira pode ser de propiedade individual, máis frecuente nas pequenas poboacións e na casa patrucial, ou ben de propiedade horizontal onde cada piso ten un propietario diferente e a casa está rexida polo réxime de comunidade de veciños ou comunidade de propietarios. Tipoloxicamente existen diferentes estruturas de casa tradicional e independentemente das divisións que se poidan facer dentro de cada grupo, por mor de particularidades arquitectónicas, distributivas, antropolóxicas, xeográficas ou sociolóxicas pódense agrupar en estilos diferentes: a casa redonda ou palloza, que se circunscribe á alta montaña luguesa; a casa serrana, coa arquitectura das casas orientais, que se atopa baixo climas duros e cunha economía gandeira dominante; a casa das depresións luguesas e da Terra Chá, representante dunha economía agrícola-gandeira e dun clima máis suave; as construcións coruñesas, onde predomina a tella na cuberta e as construcións adxectivas de granito; a tipoloxía meridional, que ocupa parte das provincias de Pontevedra e Ourense, e que presenta patíns, corredores e solainas; e a casa mariñeira, que xeralmente aparece en pequenas concentracións de vivendas achegadas e solucións arquitectónicas que permiten a harmonía entre o aproveitamento do mar e a agricultura. Segundo o medio en que se atopa, distínguese a  casa rural, que na súa forma illada produciu a máxima variedade de tipos, da casa urbana, de tipo e estrutura máis uniforme. Os distintos tipos de casa evolucionaron co paso do tempo; a cabana, unha das máis simples habitacións, usada normalmente de xeito non permanente e que serve de refuxio para os pastores nas épocas en que levan o gando á montaña e permanecen con el certa parte do ano. A casa redonda, supervivente dos casarellos citanienses, con lareira sobre unha lousa grande de pedra que se apoia en dúas das trabes do piso e un tabique de madeira que divide a vivenda en dúas dependencias, unha para a cociña e o comedor e outra para os dormitorios. Leva tellado de colmo a dúas augas e unha bufarda na parte posterior. Destacan, entre as casas redondas, as chamadas pallazas ou pallozas, de extensión moi restrinxida. A casa rectangular terrea, onde vivían xuntos os homes coa facenda, ten polo medio unha división feita con ramallos para arredar a lareira da corte do gando, división que algunha vez é de pedra, cunha porta que comunica entre si as dúas dependencias. O gando entra na casa pola mesma porta ca a xente e ten que pasar pola lareira. Na parte destinada ás persoas sitúase o lar, por regra xeral achegado á parede da casa, e nos seus arredores están os escanos, os bancos e a mesa para xantar. Ao lado das paredes están os leitos, as arcas, as ferramentas, etc. Non ten cheminea e o fume sae pouco a pouco polo tellado, que polo xeral está cuberto de colmo. Nesta evolución tamén se debe facer referencia ás casas de tipo intermedio, que serven de elo entre as casas terreas e as dun só piso. Unha delas é a chamada casa do remo, xa case desaparecida. O nome vén do feito de seren moi estreitas, xa que o seu ancho non pasa do longo dun remo dos empregados nas traíñas. O outro tipo intermedio compóñeno as casas provistas de sobrado. En xeral, son casas terreas divididas por un tabique en dúas dependencias, unha para o gando e outra para a lareira, na que se fai a vida durante o día. Por riba da corte, a media distancia do chan ao teito, van unhas trabes que sosteñen un piso denominado sobrado onde están situados os leitos nos que descansa a xente pola noite. Xa máis achegados ao mundo rural estaría unha vivenda que procede directamente da villa romana, a casa grande de economía pechada, autosuficiente e que conta con caseiros, traballadores e criados. Na súa estrutura caracterízase, amais do seu tamaño, por absorber dentro de si os elementos que nas outras vivendas son exteriores. Consta de dous, tres ou catro corpos que rodean un patio. A cociña é grande e con cheminea, na que está o canizo, un ou dous escanos con mesa de levante, bancos e tallos como asento, cantareiro e maseira de grandes proporcións, alzadeiros, espeteira, burro con gramalleira e caldeiro. Na planta terrea hai unha chea de dependencias destinadas a diferentes usos. Sitúanse alí as cortes para o gando, a adega do viño e o lagar, outra adega para as patacas, cabazos, cebolas e outros alimentos, e que moitas veces ten dentro unha grande arca de pedra, chamada tulla, para gardar o centeo. Moitas destas casas contan con adegas feitas totalmente de pedra, mesmo chan e teito, para gardar as carnes salgadas. No patio está tamén o combarizo ou alpendre, no que se garda a leña e onde se sitúa moitas veces o forno. Xunto coa casa grande está o pazo, que nace dos vellos señoríos, castelos e encomendas, aínda que lle falta o aspecto económico que presenta a casa grande. Na actualidade hai casas máis evolucionadas como a casa vilega e a casa urbana, esta última  lonxe dos centros de produción agrícola, polo que o primeiro elemento que desaparece nela é o relacionado coas ferramentas e co gando, así como aqueles produtos que na cidade non se traballan ou non se consomen, como o millo. Así mesmo, o trazo distintivo da casa da cidade é o número de pisos e os elementos, ás veces modificados, que lembran as vivendas de campo, como pode ser a galería, unha variante do corredor, de gran tradición nas cidades ata o punto de teren case todas algún aspecto no que predominan as paredes vidradas.

    2. casa barata

      Designación do tipo de casa para obreiros construída coa intervención das administracións públicas a partir da segunda metade do s XIX nos países de gran desenvolvemento industrial.

    3. casa de forras

      Casa construída con pedras sen labrar, colocadas unhas sobre outras, enchendo os ocos que quedan entre elas con cachotes.

    4. casa de outón

      Casa que destaca das circundantes por ser máis alta ca o resto.

    5. casa mortuoria/do defunto

      Casa na que morreu algunha persoa e desde onde sae o enterro.

    6. casa profesa [RELIX]

      Casa de relixiosos que viven en comunidade.

    7. casa rectoral

      Casa da parroquia destinada a vivenda do párroco.

    1. s f

      Edificio destinado a un uso público determinado ou a un uso privado que non sexa vivir nel.

    2. casa da moeda

      ceca.

    3. casa de baños

      Establecemento provisto de baños ou augas minerais, especialmente medicinais, destinado ao público.

    4. casa de citas/prostitución/putas

      Establecemento onde se exerce a prostitución.

      Sinónimos: bordel.
    5. casa de Deus/do Señor

      Templo dedicado ao culto relixioso cristián.

    6. casa de hóspedes/de pousada

      Establecemento no que se ofrece hospedaxe e, ás veces, tamén manutención, a cambio de pagar un prezo fixado de antemán.

    7. casa de postas

      Lugar no que descansaban e se abastecían as cabalerías, os correos ou os viaxeiros nos desprazamentos de longa distancia.

    8. casa de préstamos/empeños

      Establecemento onde se prestan cartos deixando a cambio xoias, roupa ou outros obxectos de valor como garantía.

    9. casa do concello/casa consistorial

      Edificio onde se reúne a corporación municipal e que serve de sede principal dos seus órganos administrativos. Na época romana as actividades burocráticas dos edís dos distintos municipia desenvolvíanse no interior das basílicas. Na alta Idade Media, as reunións dos veciños que formaban os concellos asemblearios non tiñan lugar en edificios propios, senón no adro da igrexa parroquial. Non obstante , durante a baixa Idade Media, nas poboacións que contaban con administración municipal, fíxose necesaria a construción de edificios específicos para a súa domiciliación.  En España, xa en 1480, os Reis Católicos dispuxeron por lei que as cidades e vilas adquirisen ou edificasen casas grandes y bien fechas en que fagan sus ayuntamientos y concejos”. A promulgación da Constitución de 1812 estendeu o municipalismo a todo o territorio. Os veciños dos núcleos que foron designados capitais dos primeiros concellos establecidos ao abeiro desta lei fundamental (nos períodos 1812-1814 e 1820-1823), apresuráronse a dedicar, ou no seu caso a erguer, un edificio para acoller as dependencias do concello, coa intención localista de adquirir un elemento que lles axudase a consolidar o seu carácter de capital fronte aos posibles pretendentes do mesmo termo, pois a existencia de edificios susceptibles de ser empregados como casa do concello foi un dos criterios considerados para a atribución da capitalidade a unha entidade ou a outra. Na maior parte dos concellos establecidos no ámbito rural galego non había casas nin pazos aptos para esas funcións, feito que influíu nas sucesivas alteracións das designacións de aldeas como capital municipal, circunstancia que se repetiu con bastante frecuencia. A accidentalidade das sedes nos primeiros tempos da administración municipal decimonónica tamén respondeu a un factor político, pois as rendas do aluguer (réxime habitual baixo o que se ocupaban a maior parte das casas do concello, sobre todo daqueles máis pequenos e con menores recursos) convertéronse nun instrumento co que o poder político recompensaba os apoios dos clientes, o que orixinou en moitas ocasións intensos conflitos locais. As desamortizacións dos bens eclesiásticos e a exclaustración dos mosteiros propiciaron a partir de 1835 que moitos concellos dirixisen exposicións ás autoridades superiores solicitando a concesión dos seus edificios para instalar neles as dependencias municipais e outros servicios, como aconteceu, por exemplo, en Celanova. Despois da lei de concellos de 1866, estes edificios recibiron o nome oficial de casa consistorial. Tamén se denominan concello ou consistorio.

    10. casa forestal

      Casa construída dentro do bosque, destinada ao acubillo dos gardas forestais e que contén o material necesario para a vixilancia do bosque.

    11. casa nai [RELIX]

      Establecemento principal dunha orde relixiosa.

    1. s f

      Institución fundada para realizar unha determinada tarefa ou para prestar un servizo público e social.

    2. casa berce/de nenos  expósitos/de orfos arc

      Albergue onde se recolle e se lles dá aloxamento aos nenos orfos.

    3. casa de acollida

      Centro para mulleres que sufriron malos tratos e que se atopan indefensas e desprotexidas. Estas casas ofrécenlles protección, aloxamento para elas e para os seus fillos, e asesoramento xurídico, entre outros servicios.

    4. casa de beneficencia

      Centros nos que se presta axuda a xente con necesidades económicas ou doutro tipo.

    5. casa de cultura

      Institución municipal de cultura constituída xeralmente por un edificio independente que recolle diferentes institucións culturais, como por exemplo, o museo, a biblioteca pública, etc.

    6. casa de inocentes/tolos arc

      Centro no que están internadas persoas con problemas psíquicos.

    7. casa de socorro

      Institución de asistencia médica para accidentados. En 1933 pasaron a depender dos concellos co nome de dispensarios municipais.

    8. casa do pobo

      Institución política, cultural e recreativa creada polos socialistas belgas. O PSOE adoptou este tipo de entidade desde 1908, cando foi creada a Casa del Pueblo de Madrid por Paulo Iglesias. A partir de aí, serviu para identificar as sedes ou domicilios sociais das agrupacións socialistas e dos organismos sindicais federados á UGT. En Galicia, a primeira federación local da UGT que contou con casa do pobo propia foi a de Vigo, grazas á doazón realizada en 1910 duns terreos adquiridos pola Cooperativa Socialista Obrera. O edificio, hoxe desaparecido, rematouse en 1913 baixo a dirección técnica do arquitecto Manuel Gómez Román e co patrocinio do contratista, o militante socialista Xosé Araújo Pérez. No ano 1932, a casa do pobo viguesa domiciliaba 48 sociedades obreiras e contaba con escola, grupo artístico e biblioteca, dotada con 1.750 volumes. Durante a Segunda República, ademais de Vigo, outras localidades galegas posuían  casas do pobo, propiedade da organización obreira socialista. As máis importantes foron a de Ourense, que albergou unha ducia de sindicatos e o xornal La Lucha; a de Betanzos, doada polos irmáns García Naveira; e a de Ponteareas, domicilio de sete entidades, ademais de biblioteca, cadro artístico e sede do periódico Renovación. Tamén se poden mencionar as do Barco de Valdeorras, A Estrada, Vilalpape (Lugo), Caroi (Cotobade) e Mondoñedo.

  1. [HIST]
    1. s f

      Entidade histórica ligada a un territorio e á liñaxe dun rei (Casa de Austria ou Casa de Borbón) ou dun nobre (Casa de Lemos ou Casa de Andrade) e aos membros da súa familia. Comprende posesións e residencias, rendas, vasalos e servidores.

    2. casa patrucial

      Casa de labranza ou casa adscrita a un terreo rústico, sede dunha liñaxe organizada como unidade de explotación rural, cun patrimonio importante acumulado ao longo de xeracións e conservado grazas á institución do herdeiro, que tende a ser economicamente autosuficiente. Normalmente conviven nela dúas ou tres xeracións baixo a autoridade do cabeza da casa ou da familia, ademais dos serventes da casa e do campo. O patrimonio tende a aumentar como consecuencia dunha política matrimonial determinada.

  2. s f

    Conxunto de funcionarios e empregados destinados ao servizo inmediato dun xefe de estado ou doutro persoeiro.

    Ex: A casa militar do rei. A casa civil do príncipe. A casa do infante.

  3. s f
    1. Empresa ou establecemento dedicado ao comercio.

      Ex: Os dereitos da canción tenos a casa de discos.

    2. Delegación que posúen as empresas en diferentes lugares.

      Ex: Consulta na guía o teléfono da casa oficial da marca de electrodomésticos.

  4. s f

    Cada unha das subdivisións cuadrangulares dalgúns papeis, documentos ou táboas, destinadas a conter algunha información.

    Ex: Riscou a casa da resposta “muller”.

  5. s f [XOGO]
    1. Divisións que hai nos taboleiros de determinados xogos.

      Ex: As casas dun taboleiro de xadrez son de dúas cores.

    2. Lugar onde se está protexido fronte a unha acción dun contrincante en determinados xogos.

  6. s f

    Envoltura dura e ríxida dun animal, que lle serve de protección, como a de natureza calcárea dos caracois ou a ósea das tartarugas.

  7. casa celeste [ASTRON]

    Cada unha das doce partes nas que se considera que está dividido o ceo.

  8. casa do coñecemento [INFORM]

    Recinto interconectado desde o que se pode acceder a bibliotecas dixitais para consultar libros, críticas, editoriais ou fondos documentais, e comprar o que un busca.

  9. casa dos mouros

    Nome co que se coñecen as mámoas na tradición popular e na literatura oral.

Frases feitas

  • Acudirlle con auga á casa queimada. Facer un esforzo en balde.

  • Casa forte. Familia con moitos cartos e con bens patrimoniais.

  • Poñer casa. Instalar nela os mobles, deixala en condicións de ser habitada.

  • Tirar/Botar a casa pola ventá. Gastar máis do que se ten nunha festa, nunha celebración ou noutras cousas.

  • (Xa que) arde a casa, quentarse aos cangos. Indica a intención de aproveitarse dunha situación, xeralmente negativa.

  • Andar coa casa ao lombo. Andar cargado con boa parte do que se posúe.

  • Andar o demo na casa. Andar mal algún asunto.

  • Caérselle a un a casa ao lombo. Ter grandes problemas.

  • Caérselle a un a casa enriba. Preferir estar fóra da casa e non facer os labores domésticos.

  • Casa de pousafoles. Lugar no que hai pouca autoridade.

  • Casa de tolos. Lugar no que hai unha gran desorde.

  • Casa quente. Casa que está habitada.

  • De boa casa. De familia honorable e distinguida.

  • De casa en casa. Dun lugar a outro.

  • Desfacer(se) a casa. Empobrecer(se), arruinarse ou mesmo desaparecer unha familia.

  • Facer casa. Facer cartos e aforralos.

  • Irse da casa. Morrer.

  • Non caber en toda a casa. Estar moi incomodado o dono e rifar con todos.

  • Non ser da casa. Ser estraño á familia.

  • Non ter casa nin lar. Vivir na miseria.

  • Sen casa nen vida. Persoa que anda dun lugar para outro.

  • Ser como da casa. Ser como da familia.

  • Ser o herdeiro da casa queimada. Ser o fillo dunha casa arruinada.

  • Ter alguén casas na Coruña. Presumir alguén de cousas que non posúe.

  • Ter casa aberta. Ser hospitalario.

  • Ter casa franca. Ter dereito a habitar de balde un edificio ou unha parte dun edificio.

  • Ter casa posta/Facer casa á parte. Separarse os que viven xuntos.

  • Varrer alguén para casa. Obrar intentando beneficiarse.

Refráns

  • A casa na praza ten as portas de prata.
  • A casa ten o que lle levan.
  • A casa, a cama e a muller, canto mellar poi dan ser.
  • Amigo de verba, cabalo de herba e casa de terra, todo é merda.
  • Barro e cal encobren moito mal.
  • Cada gorrión quere o seu espigón.
  • Cando me decatei entroume na casa quen menos pensei / quen nunca pensei.
  • Cando saias da casa, mexa ben e ata as calzas.
  • Casa con curral, requere comodidá.
  • Casa de dúas portas, por unha sae o que entra pala outra.
  • Casa de esquina, para a miña veciña.
  • Casa de harta non entra na canta.
  • Casa de terra, cabalo de herba e amigo de verba, todo é merda.
  • Casa feita, bulsa desfeita.
  • Casa feita, cava aberta.
  • Casa nova, dono marta.
  • Casa por renda e muller sen facenda, atópase ande se queira.
  • Casa, a que morares; terras, as que vires; viñas, as que plantares.
  • Casa, labrada; e viña, mercada ou herdada.
  • Casas, cantas "queipas"; viñas, cantas queiras.
  • En lugar de señorío non fagas o teu niño; e, se o fai o pai, non o faga o fillo.
  • Niño feito, paxaro marta.
  • Non hai casa que non teña a súa zurrumalla.
  • Non sabe o que ten o que ten a casa de seu.
  • Non sabe o que ten quen casa de seu ten.
  • O que casa fai, casa desfai.
  • O que non ten casa de seu, de cada pobo é veciño.
  • Onde non entra o sol, entra o menciñeiro.
  • Pinga, pinga, na casa da tía Dominga.
  • Pola portada coñécese a casa I coñécese a morada.

Palabras veciñas

Carychium | Carzoá | cas | casa | Casa | Casa Alfredo | Casa Arines