Casa de Contratación

Casa de Contratación

Organismo con funcións de control, inspección e fiscalización do comercio metropolitano coas Indias españolas, creado polos Reis Católicos en 1503 en Sevilla, a imitación da Casa da Índia fundada en 1499 en Lisboa. Agás o período comprendido entre 1529 e 1573, no que os principais portos casteláns podían expedir directamente barcos, exerceu un estricto monopolio do comercio con América. Foi tamén un organismo consultivo do goberno con respecto á política colonizadora. En 1510 atribuíronselle, coa creación dun tribunal de xustiza mercantil, funcións xudiciais relacionadas co comercio e coa navegación. Levou a cabo, ademais, un importante labor técnico-científico no terreo da náutica e da navegación, e estableceu unha auténtica escola marítima. Coa chegada ao trono dos Borbóns, a Casa de Contratación trasladouse a Cádiz (1717), pero coa abolición do seu monopolio (1778) perdeu moita importancia e desapareceu en 1790. O monarca Carlos V concedeulle ao Reino de Galicia unha Casa de Contratación similar á de Sevilla no ano 1522. Este novo organismo estaba destinado a centralizar o tráfico das especias das Molucas e evitar o monopolio sevillano. Os problemas, que atrasaron o comezo do seu funcionamento, viñeron pola guerra con Francia e as protestas de Portugal pola intromisión dos españois no tráfico das especias. Ao mesmo tempo, as expedicións enviadas desde os portos galegos da Coruña, Ferrol e Fisterra ás Molucas fracasaron e a Casa de Contratación coruñesa, que comezara a funcionar no 1525, pechou ao ano seguinte.