casa de Bernarda Alba, La

casa de Bernarda Alba, La
[LIT]

Obra dramática escrita por Federico García Lorca en xuño de 1936. Representouse por primeira vez en Bos Aires en 1945 e en España, en 1964. Estruturalmente se basea na división clásica da acción en tres actos e no respecto ás tres unidades da regra aristotélica: continuidade temporal, desenvolvemento dunha única acción e emprego dun escenario case único. O conflito preséntase no primeiro acto, no que aparecen todos os personaxes sobre os que gravita a acción (Bernarda, as súas cinco fillas, a avoa e os criados, e Pepe el Romano, desencadeante do drama). Bernarda Alba asume o mando do fogar trala morte do seu home e impón un loito rigoroso de oito anos no que prohibe o contacto co mundo exterior e a manifestación das emocións. A súa autoridade choca co vitalismo de Adela, a filla menor que, fronte á actitude resignada das súas irmás, non acepta o encerro e se altera polo anuncio do matrimonio de Angustias, a irmá maior con Pepe el Romano. O segundo acto coincide co nó do conflito: o enfrontamento entre Bernarda e Adela increméntase e, aínda que non se coñece a verdadeira natureza do drama, as alusións ao nerviosismo de Adela xunto coas versións contraditorias do horario das visitas de Pepe el Romano, os comentarios maldicentes das irmás e as discusións cada vez máis tensas anuncian a súa inminencia.   O clímax sitúase ao final, cando Adela lle confesa a Martirio as súas relacións ilícitas con Pepe el Romano. O terceiro acto iníciase cun anticlímax no que Bernarda nega a evidente tensión entre as irmás, que culmina co suicidio de Adela e a constatación, por parte de Bernarda, da ruptura do sistema de valores imposto. O contido ten unha estrutura circular, empeza e remata cunha morte e coa imposición de loito e silencio. O eixe temático da peza é a oposición entre o principio de autoridade, a tradición, o social e o opresivo, encarnados en Bernarda; e o individual, a liberdade e o natural, que representa Adela. Aparece ademais o tema da frustración, que alcanza tanto á paixón de Adela como ás ansias de liberdade do resto dos personaxes, e a honra, forza motriz do comportamento de Bernarda. Baseada nun recordo do propio autor, a crítica destacou nela a influencia, entre outras, do drama rural; do teatro de Ibsen; da peza Soño dun atardecer de outono, de Gabriele D’Annunzio; da traxedia grega e das comedias do Século de Ouro.