casa de la Troya, La

casa de la Troya, La
[LIT]

Novela do escritor de orixe galega aínda que nacido en Madrid, Alejandro Pérez Lugín. Publicada no 1915, tivo ao redor de duascentas edicións e foi levada en cinco ocasións ao cine. Novela de carácter romántico, moral e costumista, narra a vida extracolexial dun grupo de mozos, estudiantes universitarios en Santiago de Compostela. Á hora de elaborar a novela o seu autor botou man de moitos elementos autobiográficos: o protagonista, Gerardo Roquer, é madrileño e estudante de dereito, como no seu momento o fora o autor; a protagonista, Carmiña, apelídase de Castro Retén (o primeiro apelido coincide co primeiro da familia do autor e o segundo, co pazo que pertencía á súa familia, o Arretén); as rúas que percorren os protagonistas son as compostelás; a casa onde estaba a pensión na que se hospedan os “troyanos”, está tamén en Santiago de Compostela; e os mozos protagonistas recoñécense como personaxes da Galicia dos anos vinte, compañeiros moitos deles de estudios e andainas do propio autor. Todos arquetípicos e representativos dunha mocidade aloucada, con gañas de divertirse, que sentan pouco a pouco a cabeza e conseguen o seu lugar na sociedade. Pero isto non impide que Pérez Lugín se permita unha pequena licencia: facer que o pazo da familia Castro, moi semellante na súa descrición ao que foi fogar de Rosalía, se sitúe na Mariña e non en Padrón. Polo que respecta á trama, narra os amores entre un mozo procedente dunha boa familia da burguesía madrileña e estudante de dereito, Gerardo Roquer, e unha fermosa e virtuosa señorita da fidalguía galega, Carmiña de Castro. Ofrécese un relatorio dos seus amores que tardan en xurdir, nun principio, polas dúbidas sobre as intencións do estudiante. Ao mesmo tempo, a rapaza fai que Gerardo comece a apreciar a nosa terra e cambie a súa opinión sobre ela, pois o mozo chegara a Galicia obrigado e non conseguía adaptarse. Todo transcorre ao xeito dunha novela rosa ata que morre o proxenitor de Carmiña. Aparece entón unha tía política de Carmiña, nai doutro pretendente da rapaza. As malas artes da tía fan que todo se complique e a obra transfórmase nun drama romántico, con tentativa de secuestro nun convento.