Casablanca

Casablanca

Cidade de Marrocos, ao NO da cordilleira do Atlas (2.434.000 h [1994]). Como capital económica de Marrocos, posúe o porto comercial máis importante do país, a través do que se exportan as tres cuartas partes do comercio exterior marroquí. Na cidade concéntranse fábricas produtoras de fosfatos, de produtos químicos e de cemento, e industrias téxtiles e conserveiras. Na estrutura urbana diferénciase unha parte occidental, onde están os barrios residenciais europeos, e unha zona oriental, principalmente comercial e industrial. A súa orixe sitúase na antiga poboación de Anfa, que se converteu nunha base de piratería destruída polos portugueses en 1468. No s XVIII foi edificada novamente polo sultán Mohammed, que abriu ao comercio internacional o porto, que superou en capacidade ao de Tánxer. Os franceses ocupárona en 1907 e durante os primeiros anos do seu protectorado tivo lugar a expansión da cidade. Durante a Segunda Guerra Mundial foi sede da Conferencia de Casablanca.